03.03.2017

Foz acollerá as primeiras Xornadas de Pesca con Señuelos artificiais os días 11 e 12 de marzo.

Foron presentadas hoxe cun acto no que participou o alcalde.

Imprimir
Foz, 3 de marzo de 2017.- O Concello de Foz colabora na organización das primeiras Xornadas de Pesca con Señuelos que terán lugar os días 11 e 12 de marzo e que hoxe foron presentadas no Cenima. Este evento, promovido pola asociación A Ribeira, abordará as técnicas nas modalidades de jigging e spinning e na súa organización tamén colaboran o Centro Comercial Aberto de Foz e a Deputación de Lugo.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, sinalou que “é unha iniciativa nova, diferente, sobre a pesca deportiva. Son diferentes técnicas que veñen moi ben, posto que cremos que o futuro nas nosas instalacións do noso pobo referente á pesca, eu entendo que é a náutico deportiva, pola que hai que apostar. Estamos rodeados de varios portos pesqueiros que xa cobren outro tipo de variedades. A pesca deportiva é algo ao que moitos dos nosos veciños se están dedicando a modo de ocio e a verdade é que é interesante”.

Javier Castiñeira quixo “felicitar desde o Concello á asociación A Ribeira e aos organizadores destas xornadas e colaborar na medida do posible con equipamento e outros medios para que isto se poida desenvolver nas mellores condicións. Son épocas fóra de tempada nas que veñen moi ben estas actividades, nunha fin de semana que non había outra alternativa e non deixa de ser unha forma máis de fomentar outro tipo de deporte diferente aos que estamos acostumados no noso concello. Parabéns e moita sorte para que todo salga ben nestas I Xornadas de Pesca Deportiva con Señuelos”.

Pola súa banda o presidente da asociación A Ribeira de Foz, Alberto Burundarena, explicou que “son unhas xornadas técnicas de pesca deportiva nas modalidades de jigging e de spinning. Son dúas modalidades de pesca deportiva que están en auxe agora mesmo, teñen moitos adeptos entre os pescadores deportivos, e entón a asociación A Ribeira, de Foz, decidimos un evento para concentrar pescadores deportivos. Desde o noso inicio a asociación sempre está para promover o deporte náutico aquí, en Foz”.

Burundarena detallou que “o evento vaise facer en dous días. O primeiro, que é o sábado 11 de marzo, imos realizar unha charla técnica no Cenima ás doce menos cuarto, na que se van proxectar vídeos e os poñentes van explicar as técnicas que hai e cómo se moven os diferentes señuelos artificiais que se utilizan para estas pescas e os aspectos técnicos das mesmas, cómo se utilizan as cañas e, en xeral, os conceptos básicos deste tipo de pesca. Tamén o sábado organizamos unha comida para todos aqueles que se queiran apuntar. Parece ser que vai haber moita xente, que xa está apuntada, e xurdiu porque algúns asistentes de fóra demandábanmos facer unha comida de grupo para estar entre amigos e coñecer novas persoas que se dediquen a este tipo de pesca”.

Alberto Burundarena engadiu que “o sábado ás catro e media da tarde no peirao de Foz imos facer unhas demostracións prácticas da modalidade de spinning. Todo o mundo vai poder probar a lanzar os señuelos artificiais con cañas de última xeración. Van estar tutelados polos poñentes, que lles van indicar cómo teñen que lanzar e recoller os señuelos. Ese mesmo sábado tamén se vai facer un sorteo importante de material de pesca, temos material de pesca para regalar por valor de máis de 700 euros”.

O presidente de A Ribeira continuou explicando que “o domingo faremos dous eventos: un pola mañá, tamén para a modalidade de spinning, que é unha saída en grupo por costa; iremos seguramente a unha praia de aquí, de Foz, posiblemente á de Llas. Temos a 40 persoas inscritas no grupo, xa o pechamos porque consideramos que ter a moitas persoas tampouco sería óptimo para poder recibir información dos poñentes. Decidimos facer grupos pechados nos que había que inscribirse previamente; así o anunciamos e levámonos a sorpresa de que nada máis o anunciamos xa tíñamos a moita xente anotada e pechamos os grupos en menos de seis días. Ese domingo a partir das sete da mañá practicaremos nun escenario real de pesca as distintas técnicas, xa nun ambiente de pesca óptimo”.

Burundarena concluíu manifestando que “o mesmo domingo pola tarde, ás tres, imos facer outra saída de pesca de iniciación á pesca con jigging.  Vai ser en embarcacións pois temos doce lanchas de socios de A Ribeira de Foz dispoñibles. Para esta saída tamén temos os grupos pechados porque temos a 45 persoas inscritas. Vai ser o mesmo que pola mañá pero en alta mar. Hai moita xente xa apuntada. Temos inscritos para comer o sábado por encima dos 70; así que parece que está funcionando moi ben”.