14.12.2016

Javier Castiñeira acadou hoxe o compromiso do presidente da Xunta para que o dragado da dársena do porto de Foz conte con partida orzamentaria para executarse no vindeiro ano 2017.

No encontro mantido en Santiago o rexedor tamén lle propuxo a posta en marcha no Cenima dun punto de información turística da comarca da Mariña.

Imprimir
Foz, 14 de decembro de 2016.- O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, mantivo unha reunión esta tarde co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que acadou o compromiso para que o dragado da dársena do porto de Foz conte con partida orzamentaria para executarse no vindeiro ano 2017. Ademais propúxolle poñer en marcha no Cenima un punto de información turística de toda A Mariña. No encontro tamén falaron doutros asuntos como a mellora de seguridade no acceso ao IES de Foz.

O rexedor contou que “no día de hoxe tiven unha reunión importante co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que amablemente e moi dilixentemente se ofreceu para manter este encontro nesta xornada para falar de cuestións importantes para Foz e tamén para A Mariña lucense. Aproveitei a ocasión para felicitalo polo seu recente nomeamento como presidente da Xunta e agradecerlle a confianza neste últimos catro anos, ese bo traballo en equipo entre o goberno galego e o Concello de Foz e esa excelente relación que existe entre ambas institucións”.

Jorge Castiñeira dixo que “froito de todo isto temos unha residencia de anciáns totalmente rematada e equipada e pendente de iniciar o seu funcionamento. Temos tamén un convenio firmado por importe de 8 millóns de euros durante os vindeiros catro anos para o financiamento da nova depuradora de Foz, que se atopa en fase de tramitación do que é o anteproxecto. Estamos tamén pendentes da adxudicación definitiva da reorganización da avenida da Mariña, dentro do plan Urbe, financiado integramente pola Xunta de Galicia e pendentes tamén de licitar en poucas semanas o equipamento da Reitoral de San Martiño, como sede do centro de interpretación da orixe da diocese de San Martín de Mondoñedo”.

O alcalde de Foz explicou que “fora do que son os asuntos xa iniciados é certo que hoxe había un motivo importante para manter esta reunión, que era amosarlle a miña desconformidade porque apareceu unha dotación moi pequena dentro dos orzamentos de Portos de Galicia, concretamente 50.000 euros, para o dragado de Foz. Sabemos que está moi adiantado todo o que é o expediente administrativo e loxicamente entendemos que non debe haber ningún tipo de impedimento por parte da Xunta para financiar esta obra tan necesaria para nós, como é o dragado da dársena de Foz”. O rexedor quedou “bastante contento polo compromiso por parte do presidente da Xunta de que o financiamento non será ningún tipo de problema, solventando as cuestións administrativas, unha vez que estean para licitación as partidas económicas non van ser ningún problema. Estamos a falar de máis de 450.000 euros e nese sentido quedámonos tranquilos”.

Javier Castiñeira manifestou que “tamén é importante o ofrecemento do Concello de Foz para que o Cenima sexa un centro de referencia turística de toda A Mariña e desde o Cenima amosar todas as virtudes e bonanzas que ten a nosa comarca. Desde Foz encántanos presumir de toda A Mariña, encántanos da beleza de todos os pobos cercanos a Foz  e entendo que desde o centro da Mariña é necesario un punto de información de toda a comarca, de aí que ofrezamos o Cenima. O presidente viu esta proposta coma unha boa idea”.

No encontro mantido esta tarde polo presidente da Xunta e o alcalde de Foz “tamén falamos dun tema importante que me trasladou o director do IES de Foz para mellorar a seguridade do acceso en autobús a este centro de ensino. É necesaria a construción dunha rotonda na zona do IES, nunha zona verde moi próxima a ese acceso ao instituto. Precisamos para levala adiante unha inversión da Consellería de Educación e entendemos que esta é unha prioridade para o IES de Foz”.

Hospital da Costa

O rexedor focense agradeceu que “se produza unha inversión moi importante no Hospital da Costa, onde se está a facer unha obra sen parangón, como nunha houbo nese centro. E tamén é importante ir contando que ese novo edificio teña novos equipamentos, concretamente entendo que a resonancia magnética debía ter un punto fixo e estamos traballando diariamente coa resonancia móbil. Creo que nun edificio novo, unha vez feito, hai que ir pensando en ter unha resonancia fixa e dotar ao Hospital da Costa dese equipamento, o cal o presidente da Xunta vai valorar coa Consellería de Sanidade”.

Castiñeira rematou agradecendo ao presidente da Xunta “o bo clima e agardando que todas estas circunstancias sexan ben atendidas e siga habendo ese clima de respecto institucional que existe entre o Concello de Foz e a Xunta de Galicia”.