29.06.2016

A Casa do Concello de Foz acolleu unha reunión para coordinar o plan de emerxencias da verbena do Carme de San Martiño de Foz, que terá lugar o día 23 de xullo.

Imprimir
Foz, 29 de xuño de 2016.- A Casa do Concello de Foz acolleu a celebración dunha reunión para coordinar o plan de emerxencias da verbena da festa do Carme de San Martiño que se celebrará o día 23 de xullo.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, explicou hoxe que “no día de onte tivemos unha reunión de seguridade para organizar unha das verbenas máis concorridas de Galicia como é a do Carme de San Martiño. Tal e como se quedou na xunta de seguridade local que se celebrou en datas pasadas, esta verbena, que será o 23 de xullo, ten o seu plan de seguridade que onte foi estudado por todos os que estivemos presentes: representantes da Garda Civil, da Policía Local de Foz, da comisión de festas, a empresa de seguridade privada que vai levar o tema interno, os propios redactores do plan de emerxencias e eu mesmo”.

O rexedor municipal engade que “analizáronse certos riscos, temas puntuais e accións que se deben facer. Unha delas é un cambio importante con respecto a outros anos, xa que se cortará o acceso para os coches a parte da festa a partir das once da noite, para que queden liberados os accesos e poidan entrar vehículos de emerxencias ou calquera dotación que sexa necesaria e, sobre todo, coordinar posibles riscos que poidan suceder, como incendios ou demais”.

Javier Jorge Castiñeira subliña que “foi unha reunión moi interesante na que todos expuxemos a nosa opinión. Este ano a comisión vai facer un esforzo importante para poñer seguridade privada e, por outro lado, as administracións, tanto a local como a Garda Civil e a Dirección General de Tráfico van intensificar os seus reforzos de efectivos para ese día”.

O alcalde focense manifesta que “este plan de seguridade será o que marque o guión para que a festa leve un transcurso normal. As orquestras rematarán ás seis da mañá e a partir dese momento teremos aproximadamente unha hora para poder ir desaloxando con total normalidade”.

Javier Jorge Castiñeira lembra que “tamén haberá, como todos os anos, servizos de autobuses tanto desde o núcleo urbano de Foz como desde outras localidades. Todos aqueles que poidan evitar subir co seu coche que o fagan, pois o servizo de autobuses vai estar durante toda a noite”.