11.04.2016

O alcalde de Foz aclara que a débeda que reclama Gestagua ao Concello é debida a que os socialistas non quixeron actualizar as taxas da auga desde o ano 2007.

Imprimir
Foz, 11 de abril 2016.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, aclara que a débeda que a empresa concesionaria do servizo de auga Gestagua reclama ao Concello é debida a que os socialistas non quixeron actualizar as taxas que pagan os veciños desde o ano 2007.

“Desde o goberno do Concello de Foz queremos aclarar e que quede constancia para tódolos veciños de onde ven a débeda con Gestagua: a débeda coa empresa da auga ven porque existe un compromiso entre o Concello e a concesionaria de que os prezos que se lle cobran aos usuarios téñense que ir actualizando ano a ano de acordo ao custe da vida ou a un IPC. Polo tanto o Concello está obrigado a facer esas actualizacións da tarifa ano a ano e desde o ano 2007 que se fixo a última prórroga non se aplicaron porque ou ben o goberno socialista non quixo facelo ou ben a oposición, tamén socialista e de todo este batiburrillo de escisións e grupos do PSOE e demais, quixeron que non se subise ese recibo da auga que estaba pactado por eles mesmos coa empresa concesionaria”, explicou Javier Castiñeira.

O rexedor focense engade que “iso significa que ao non ter actualizado as taxas, que aos veciños lles ía supoñer ano a ano corenta ou cincuenta céntimos no recibo ao bimestre, a empresa non pode reclamarlle esa suba aos veciños que seguen cunha taxa moi baixa desde o ano 2007 que non se actualizou, e reclámalle directamente ao Concello porque entende que quen ten a responsabilidade de subir a taxa é o propio pleno. Iso é o que actualmente está no contencioso”.

Castiñeira subliña que “polo tanto os veciños, os máis de 9.000 abonados, levan case dez anos sen subírselle a auga, cun recibo fixo de 6 euros máis a parte variable, e polo tanto estamos cun dos recibos máis baixos de auga da Mariña. Hoxe os veciños terían que estar pagando aproximadamente un euro máis se se fora actualizando progresivamente; e o que para un veciño é moi pouco para o Concello suma o dos 9.000 abonados e esa é a débeda que lle reclama a concesionaria ao Concello, que é o que está no contencioso”.

O alcalde de Foz remata dicindo que “aclaremos iso e a subida que se vai propoñer para corrixir e non seguir adebedando máis cartos a Gestagua é para cubrir polo menos un terzo do que tiña que estar agora no recibo se se tivera aplicado esa taxa. Hai que deixar as cousas claras porque nisto hai moita demagoxia e hai xente que xa está dicindo que se vai subir o recibo para compensar esa débeda. É completamente ao revés existe unha débeda ao Concello por non ter actualizado os recibos e non ter sido suficientemente responsable e ter aplicado o IPC ao recibo da auga durante todos estes últimos anos”.