11.04.2016

O alcalde de Foz reunirase hoxe cos voceiros municipais para elaborar o orzamento municipal deste ano.

Javier Castiñeira manifesta que se trata de facer uns presupostos consensuados, realistas e lóxicos.

Imprimir
Foz, 11 de abril 2016.- O alcalde de Foz convocou para hoxe aos voceiros municipais co fin de elaborar o orzamento municipal para este ano. Javier Jorge Castiñeira manifesta que se trata de facer uns presupostos realistas e lóxicos que contemplen os investimentos que de xeito conxunto se aprobaron en pleno durante estes últimos meses.

O rexedor focense di que “para o día de hoxe están citados os voceiros que conforman a corporación municipal do concello de Foz para traballar sobre os orzamentos deste ano 2016. O goberno xa enviou unha carta cunha serie de directrices para ir elaborando estes orzamentos, cun presuposto de partida duns 7.100.000 euros, que con respecto ao ano pasado supón unha suba de ao redor de 300.000 euros”.

Javier Castiñeira indica que “nesas directrices recórdaselle aos grupos que este ano entre a suba pactada cos traballadores correspondente a RPT asinada no 2009 e a paga da extra do ano 2012 hai que subir o capítulo de persoal ao redor de 200.000 euros. Hai que pensar tamén na posta en marcha do xeriátrico, que sexa xestionado polo Concello ou polo Consorcio, haberá que reservar unha partida de arredor dos 100.000 euros. Tamén hai pactada polo pleno unha ampliación das horas da Escola de Música, que poderían supor os 15.000 euros aproximadamente. Hai  tamén que establecer se se vai a incluír unha partida para o custe dos terreos da depuradora, que sería de cerca dos 75.000 euros”.

O alcalde focense engade que “ademais o goberno pregunta se imos ter desde un punto de partida este plan de emprego que veu condicionando durante todos estes últimos anos os orzamentos do goberno en minoría. O ano pasado foron 140.000 euros destinados ao plan de emprego e pregúntaselle tamén aos voceiros se van seguir nesa liña. Ademais existen investimentos aprobados en diferentes puntos dos plenos destes últimos meses para certos arranxos en estradas e demais”.

Javier Jorge Castiñeira asegura que “hai que tratar de que os grupos fagan as súas propostas por escrito e así poder comezar a elaborar os orzamentos. É necesario telos nas vindeiras semanas para contar canto antes cun orzamento definitivo”.

O rexedor de Foz subliña que “o que quere o goberno municipal é ter os máximos apoios posibles. Tratar de chegar a un acordo e uns orzamentos consensuados por tódolos grupos. O exemplo está na Deputación, na que tódolos grupos sacrificaron parte dos seus programas para elaborar uns presupostos provinciais. Neste caso é o que toca. Todos debemos sacrificar o noso programa. Trátase de facer uns orzamentos realistas e lóxicos que poidan contemplar eses investimentos que de xeito conxunto se aprobaron durante todos estes últimos meses”.