08.01.2016

O alcalde de Foz reuniuse esta mañá en Lugo co presidente da Deputación para falar das obras de humanización da rúa Álvaro Cunqueiro.

O rexedor focense destaca o compromiso do organismo provincial co proxecto, que se desenvolverá entre 2016 e 2017.

Imprimir
Foz, 8 de xaneiro de 2016.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos Conde, reuníronse esta mañá en Lugo para falar das obras de humanización da rúa Álvaro Cunqueiro da vila focense, actuación que o organismo provincial acordou apoiar economicamente no seu último pleno. O rexedor focense destaca o compromiso e interese de Deputación neste proxecto.

“No día de hoxe fun recibido polo presidente da Deputación, Darío Campos, e estou moi contento e agradecido de que me recibise. O único punto da reunión eran as obras de humanización da rúa Álvaro Cunqueiro e a verdade é que quedei moi contento porque a decisión da Deputación é seguir para diante con ese acordo que houbo no último pleno do organismo provincial e que nos próximos orzamentos que se están a elaborar vaia unha partida para esta obra”, manifestou Javier Castiñeira tras rematar a xuntanza co presidente da Deputación.

Castiñeira tamén explicou que a intención das dúas administracións “é asinar un convenio plurianual, de dous anos, para que este investimento se poida realizar nos anos 2016 e 2017, como estaba previsto”.

Ademais o alcalde agradeceu “ao equipo do PSOE de Foz e, en concreto, ao seu portavoz, Francisco Ramalleira, que mediou para que esta reunión se puidera facer. Sabemos que todos os grupos da corporación están interesados nesta obra e de feito aprobouse por unanimidade, pero dende logo é unha aposta máis por parte do portavoz e agradecemos que mediase para a celebración desta reunión. Estamos contentos porque isto vai ser unha realidade neste ano. É unha das obras máis importantes para o futuro do noso municipio”.

E Javier Castiñeira rematou comentando que aproveitou a entrevista con Darío Campos para invitar “ao presidente da Deputación á inauguración oficial da Festa do Berberecho o sábado 16 de xaneiro ás 12 horas. Quedoulle un programa e un cartel e dende logo será ben recibido. Polo tanto, agradecemento, moi bo talante e moi boa disposición por parte do presidente da Deputación”.