13.11.2015

O alcalde de Foz reuniuse hoxe coa deputada delegada de Facenda para tratar sobre a delegación da recadación municipal ao organismo provincial.

Castiñeira anunciou que a Deputación ten previsto rebaixar o custe deste servizo que presta a moitos concellos.

Imprimir
Foz, 13 de novembro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reuniuse hoxe en Lugo coa deputada delegada de Economía e Facenda para tratar sobre a delegación da recadación municipal ao organismo provincial. O rexedor anunciou que a Deputación ten previsto rebaixar o custe deste servizo que presta a moitos concellos da provincia.

“Hoxe ás 9 e media da mañá tivemos unha reunión coa delegada de Facenda da Deputación e o xefe de servizo de Recadación para falar novamente sobre a delegación do servizo de Recadación do Concello de Foz á Deputación, igual que teñen feito a gran maioría de concellos da provincia. Na propia xuntanza a delegada constatounos que son moitos os  que o están a pedir, un dos últimos que o acaba de facer é un concello similar a Foz como é Chantada. A disposición é moi boa por parte do servizo de Recadación da Deputación e os datos que se manexan a día de hoxe dos cobros polo servizo aos concellos son os que xa nos presentaran no seu momento, pero hai vontade por parte de todos os partidos políticos con representación na Deputación de rebaixar ese custe para os concellos en próximas datas. Isto implica que o Concello de Foz terao en conta, porque unha das circunstancias que pedía a oposición no último pleno no que este asunto quedou encima da mesa era que se fixera un estudio económico dos custes e niso estamos. Aportáronnos  tamén uns datos do que é a recadación en vía executiva”, explicou Javier Castiñeira.

O alcalde anunciou que “o compromiso do Concello de Foz é levar este asunto seguramente ao próximo pleno da corporación municipal, se nos dá tempo a facer eses informes. E xa será a enésima vez que se trata en pleno xa que este tema que quedou encima da mesa durante estes últimos catro anos. Pero volvemos a dicir que con isto melloraríamos moito o sistema de recadación, sería moito máis xusto con aqueles que pagan de forma voluntaria, para a tesourería municipal sería moito mellor porque farían liquidacións progresivas e, en definitiva, melloraríase moito a recadación. E todo este persoal que temos para este servizo municipal, que son tres, poderían facer labores moito máis interesantes e necesarias no Concello”.

Castiñeira rematou comentando que está “contento por esa boa vontade da Deputación e tamén porque entendemos que os custes se van rebaixar en pouco tempo, o cal é unha boa nova para os concellos. Polo tanto espero que a oposición estea a altura nestas circunstancias. Estamos a falar de temas económicos, vimos de ter un pleno con moitas tensións porque a oposición está intentando, - como fixeron nos primeiros anos do mandato pasado -, bombardear a economía municipal. Pero esperemos que esta actitude cambie, porque senón aí estará sempre o goberno local para denuncialo e para que os veciños saiban que se está actuando en contra dos intereses do Concello. Espero que cambien e que estean a altura, como pide a cidadanía do concello de Foz”.