05.11.2015

O ciclo de charlas médicas organizado polo Concello de Foz coa colaboración do Hospital da Costa celebrarase os días 12, 19 e 26 deste mes.

A XV edición abordará da man de especialistas as alerxias graves, os coidados paliativos e a automedicación.

Imprimir
Foz, 5 de novembro de 2015.- A XV edición do ciclo de charlas médicas organizado polo Concello de Foz coa colaboración do Hospital da Costa celebrarase os días 12, 19 e 26 deste mes e abordará temas sanitarios de actualidade, como as reaccións alérxicas graves, os coidados paliativos e a automedicación. O ciclo, que se desenvolverá en tres sesións ás 20 horas na Casa da Cultura focense, foi presentado hoxe polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira; a concelleira de Consumo e Sanidade, Silvia Blach Cuesta;  a xerente executiva do centro hospitalario de Burela, Carmen Durán Parrondo; e a subdirectora médica, María José Cortés.

O rexedor municipal anunciou que “un ano máis a Concellería de Consumo do Concello de Foz, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (Omic), organiza as charlas médicas en colaboración coa xerencia do EOXI e por iso queremos agradecer, tanto a Carmen Durán como a María José Cortés, que é a subdirectora médica, a súa presenza aquí, na presentación destas charlas. Levan xa 15 anos polo que son un clásico no outono de Foz. Serven para achegar a cultura sanitaria aos veciños de Foz e a calquera outro da comarca que queira achegarse, para informar dos servizos que se ofrecen dende o Hospital da Costa e tratar de educar na prevención e na información sobre diferentes patoloxías. Despois das charlas sempre hai unha parte de preguntas e contacto directo entre os asistentes e o facultativo, o que fai moito máis interesante estas charlas”.

Castiñeira detallou o programa, que inclúe “o xoves 12 de novembro, Reaccións aléxicas graves, coa doutora Teresa González Fernández, especialista en Alergoloxía, que é un tema de actualidade, polas picaduras de avispa velutina ou outro tipo de alerxias. O xoves 19 de novembro falará de Coidados ao remate da vida, coidados paliativos, a doutora Belén Fra e a enfermeira Mar Pérez Gómez. O avellentamento da poboación incide na calidade de vida dos cidadáns e, por suposto, é unha charla importantísima para todos aquelas persoas que teñan maiores na súa casa ou inquedanzas neste sentido. Remataremos o xoves 26 de novembro cun tema necesario que está á orde do día, a Automedicación, coa doutora Concepción Castro Rubiños, especialista en Farmacia Hospitalaria, que nos vai falar temas de automedicación, cales son as circunstancias e aclarar dúbidas”.

O alcalde aproveitou a ocasión para “agradecer a colaboración do Hospital da Costa de Burela e ás facultativas encargadas de impartir as charlas, así como á OMIC de Foz, en concreto a Chus, organizadora destas charlas”.