04.11.2015

O alcalde de Foz fai unha valoración positiva da aprobación no pleno de onte da localización da nova depuradora de augas residuais.

O rexedor anima á oposición e aos veciños a participar na comisión de seguimento que se creará e a sumar esforzos de todos para ter a nova EDAR canto antes.

Imprimir
Foz, 4 de novembro de 2015.- O pleno da corporación de Foz aprobou na noite de onte a proposta da Alcaldía para instalar no Camiño da Granda a nova depuradora de augas residuais. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, amosouse hoxe moi satisfeito con este paso adiante e chama á oposición que non secundou a proposta, así como aos veciños, a participar na comisión de seguimento que se vai crear e a traballar unidos para que a infraestrutura pode ser unha realidade o antes posible.

Queremos facer unha valoración moi positiva do pleno de onte, porque o punto máis importante, que era a proposición da nova localización da depuradora, saíu adiante cos cinco votos favorables do Partido Popular e os tres de Foz Plataforma de Futuro e cos votos en contra do PSOE e do BNG. É ben certo que o que quere agora mesmo o grupo de goberno é que este asunto se tome por parte de todos os concelleiros e veciños coa seriedade que merece e sigamos traballando xuntos e que todos aqueles que non deron a confianza a esta localización se embarquen na comisión de seguimento da depuradora. Vaise traballar para que Augas de Galicia faga un bo traballo nese anteproxecto da nova depuradora e esperamos que cantos máis se sumen a traballar en positivo sobre esta localización nova, moito mellor”, valorou o alcalde.

Castiñeira lembrou que “foron necesario moitos anos para sacar adiante esta localización” e chama ao apoio do resto dos actores implicados para que o proxecto sexa pronto unha realidade. “Queremos que o traballo serio e rigoroso que se fixo nestes últimos meses para buscar unha nova localización continúe e que Augas de Galicia se comprometa a facer canto antes ese anteproxecto. O noso compromiso é de máxima transparencia, de que esa comisión de seguimento formada por políticos e veciños teña a importancia que se merece para que proxecto siga o seu ritmo e que non estea estancado como nestes últimos anos”.

O rexedor municipal declárase “contento” e con "ánimo e afán conciliador sumando esforzos”. “Conseguimos sumar o esforzo de Foz Plataforma de Futuro, á que lle agradezo que tomara coa seriedade que se merece o compromiso electoral que tivo de sacar as cousas importantes de Foz adiante, sen partidismos nin personalismos. Espero que a ese mesmo tren se apunten tamén tanto PSOE como BNG, porque a intención nosa dende logo é que cantos máis apoios, mellor. Agardo un apoio unánime”, rematou Javier Castiñeira.