26.10.2015

Foz terá gas natural a principios do vindeiro ano 2016.

Anunciouno o alcalde despois de participar hoxe en Santiago na presentación do plan de expansión desta enerxía en Galicia.

Imprimir
Foz, 26 de outubro de 2015.- Foz terá gas natural a principios do vindeiro ano 2016. Anunciouno o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, despois de participar hoxe en Santiago na presentación do plan de expansión desta enerxía en Galicia, acto no que estivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e co máximo responsable da empresa Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró Serra.

“No día de hoxe todos os focenses vimos de recibir unha moi boa noticia por parte dos responsables de Gas Natural e do propio presidente da Xunta de Galicia ao asistir á presentación do plan de expansión desta empresa en Galicia e saber que o concello de Foz vai ser un dos primeiros, a principios do ano 2016, en ter gas natural dentro deste plan. Os veciños do núcleo urbano que xa teñen subministro de gas moi probablemente noten a partir dos primeiros meses do vindeiro ano unha baixada importante na factura. Polo tanto estamos contentos porque esta nova infraestrutura que inauguramos hai un ano, que é o gasoduto, non só trae vantaxes para empresas como Alcoa ou outras que se poden beneficiar da nova enerxía, senón para todos os veciños dos núcleos urbanos importantes, como é o de Foz, porque isto vai ir directamente aos petos dos focenses”, manifesto o rexedor municipal.

Javier Castiñeira rematou destacando que “para A Mariña é algo moi importante, non só para a súa industria senón tamén no día a día de todos os mariñáns e concretamente de todos os focenses”.