14.10.2015

A xunta de portavoces de Foz abordou a posible ubicación da nova depuradora de augas residuais na zona do Camiño da Granda, entre o barrio de Forxán e a parroquia de Fazouro.

O alcalde espera levar este asunto a próximo pleno municipal.

Imprimir

Foz, 14 de outubro de 2015.-  A reunión xunta de portavoces do Concello de Foz celebrada onte, martes, abordou unha nova proposta para construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), segundo informa o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, que agradece o bo clima de diálogo coa oposición que houbo na xuntanza e espera levar este asunto ao próximo pleno da corporación municipal. A proposta presentada polo rexedor é localizar a instalación no Camiño da Granda, entre o barrio de Forxán e a parroquia de Fazouro.

Javier Castiñeira explicou que “onte tivo lugar unha xunta de portavoces importante no Concello de Foz, unha reunión cun único punto, que era a nova proposta de localización da depuradora de Foz. Dende logo agradecemos a presenza dos tres portavoces da oposición máis tamén a do tenente de alcalde, Pedro Fernández Manín. O clima no que se falou e dialogou sobre esta nova opción foi moi positivo; hai moi boa vontade de tratar de resolver un dos maiores problemas que ten o noso municipio a día de hoxe, un problema ambiental, como é eliminar a depuradora e os puntos de vertido que se están levando á ría de Foz e crear unha nova depuradora coas dimensións e garantías que se merece un pobo como o de Foz, que non só ten 10.000 habitantes senón que en verán achégase aos 30.000 e precisa unha instalación que cubra esta demanda”.

Castiñeira engadiu que “con respecto á posición proposta, na zona límite entre Forxán e Fazouro, no que é o barrio de Forxán, concretamente no Camiño da Granda, é un lugar que resolve bastante ben os problemas engadidos que tiveron durante estes últimos anos as propostas de localización que se formularon. Hai que recordar que había unha primeira proposta en Forxán polo anterior grupo de goberno. O PP ofreceu outra nova en Sarrido, na parroquia de Fazouro, e ao non aceptarse estas houbo outras diferentes, que tampouco foron aprobadas, como no polígono ou en zonas próximas. Pero esta nova proposta satisfai bastante ben as necesidades, sobre todo de illamento e que medioambientalmente responda ás necesidades de Fazouro e Forxán. É unha localización que foi comentada cos  responsables veciñais de Forxán e Fazouro e, en principio,  tampouco hai excesivos problemas para que a acepten. Polo tanto, a xunta de portavoces reunirase outra vez a semana que vén para decidir cal é a proposta que se vai levar no próximo pleno da corporación municipal, que vai ser a finais deste mes”.

O alcalde destaca o bo clima que houbo na reunión de onte e agradece aos portavoces “por escoitar de moi boas maneiras unha opción e que propoñan aos seus grupos a necesidade de dar un paso neste sentido. Polo tanto, estamos contentos e dende logo é un paso importante. Esperamos que no próximo pleno esta localización sexa unha realidade e así poidamos pasarlle a Augas de Galicia a pelota ao seu tellado para que financie esta infraestrutura e faga o anteproxecto para que nos próximos anos Foz poida ter unha estación depuradora adaptada ao que son as necesidades do pobo”.