08.07.2015

As Festas do Carme 2015 traerán a Foz numerosas actividades musicais, entre elas o concerto de Uxía e Narf, así como xogos infantís e a tradicional alfombra floral.

O programa presentouse hoxe cun acto no que participou o alcalde focense.

Imprimir
Foz, 7 de xullo de 2015.-  O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, vén de presentar o programa das Festas do Carme 2015, organizadas pola asociación Sempre Foz e polo propio Concello. As festas comezan o día 13 de xullo de durarán até o 18 cun programa repleto de actividades musicais, xogos infantís e a tradicional alfombra floral que acompaña á procesión da Virxe. O alcalde subliña que outros eventos desta fin de semana servirán de antesala á festa: “durante esta fin de semana vanse celebrar moitas actividades ligadas á propia festa do Carme. Podemos falar da décima edición de Sons da Rúa e do Festival Vrao, que é un festival galego de música independente que terá lugar durante toda esta fin de semana. Temos as horas de fútbol sala tamén e moitas outras actividades paralelas ás festas”.
 
Castiñeira explica que “o programa propio das Festas empeza o 13 de xullo co IV Festival Coa Nosa Fala que se realiza no Campo da Cabana e que organiza o Concello de Foz”. A cita reunirá, a partir das 22 horas no Campo da Cabana, con entrada gratuíta, á cantante Alba María, a moza gañadora do I Festival de Música de Autora en Galego do Concello de Teo en 2014, e ao dúo composto pola cantante Uxía e Narf, ámbolos dous músicos cunha traxectoria consolidada que presentarán en Foz o seu primeiro disco conxunto, Baladas da Galiza imaxinaria.

A programación do Carme continúa o martes 14.  O alcalde indica que ese día a “é a Misa da Novena na igrexa parroquial e o mércores empezaría o programa propia coas verbenas. Teríamos a misa ás oito da tarde e despois o pregón a cargo de Andrés Hermida, secretario general de Pesca do Ministerio de Medio Ambiente e ao remate teremos o chupinazo na igrexa parroquial. A partir das 22:30 horas haberá a gran verbena de vésperas do Carme coas orquestras Paladium e Tequila. Durante toda a noite teremos decoración das rúas para esa alfombra floral para entrar xa no día importante do Carme, o 16 de xullo. Ás 12.00 comezará a misa solemne cantada polo Coro Parroquial, na que estará o vicario responsable do Bispado Mondoñedo-Ferrol.  Logo teremos a procesión e a partir das seis da tarde haberá diferentes actuacións, dende xogos infantís ata misa na honra dos náufragos e a ofrenda floral, e seguiremos coa verbena coas orquestras Esencia e Claxon”. O Paseo da Ribeira acollerá os xogos infantís e as verbenas celebraranse, como todos os anos, na explanada do Porto.

O alcalde de Foz engadiu que “xa o venres seguiremos coa edicións de Sons da Rúa, onde teremos a rondalla Latexos, e un concerto do grupo Eva al Desnudo na praza Conde de Fontao. Xa enganchamos ca fin de semana do 18 de xullo con cantidade de actividades”. Entre elas están o XXXI Aniversario da Coral Polifónica de Foz no Parque Rosalía de Castro e o XVI Festival Aires do Masma na Praza Conde de Fontao. Castiñeira destaca que  as Festas do Carme deste ano teñen “un programa intenso e agradecemos dende o Concello de Foz a iniciativa deste grupo de veciños de Sempre Foz, que colabora e organiza as Festas do Carme e do San Lourenzo. Pido axuda por parte de todos os veciños, hostaleiros e comerciantes para que esta festa poda saír adiante. É un esforzo importante e axúdannos moito a formar este programa tan intenso de verán que temos no concello de Foz”.