16.01.2015

As andanzas do señor Cancio

Imprimir
En resposta ás múltiples acusacións contra o goberno municipal por parte do señor Cancio, que parece que xa empezou a campaña electoral e ten abandonada a corporación e as súas responsabilidades como concelleiro, dende a agrupación local do Partido Popular queremos sinalar o seguinte:
Sorpréndenos, por unha parte, que este señor se dedique agora a xustificarse nas parroquias, despois de 30 anos facendo política, dicindo que el é outra forma nova de gobernar, como nova cara do PSOE nesta segunda etapa nese partido. Pero ese señor xa pasou con outras chaquetas distintas: coa de Coalición Galega, hai xa varios anos; despois pasou na súa primeira etapa no Partido Socialista, cando non o quixo o Partido Popular, ao que estivo afiliado; seguidamente pasou con chaqueta dun proxecto cheo de fume, como foi Unifoz, xustificándose novamente da súa saída dos diferentes partidos; e agora novamente pasa polas parroquias coa chaqueta de candidato do Partido Socialista.
Sorprende moito que este señor, que é un enfermo de poder, se propoña a si mesmo como o futuro de Foz, xa que de todos é sabido que ten unha política desfasada, con métodos do século pasado, como por exemplo tratar de carretar á xente aos mitins como hai 30 anos. Parece mentira que este señor, que é un auténtico fraude político, un impostor e un tránsfuga na corporación municipal, acuse ao goberno local do Partido Popular de mala xestión en diferentes asuntos, os cales queremos explicar a continuación:
Este señor solicita obras nas parroquias, unhas actuacións que a maior parte delas están incluídas dentro do plan de obras da Xunta de Galicia para o ano 2015, actuacións estas que foron solicitadas polo equipo de goberno xa no pasado mes de novembro. Non sei se o que sucedeu é que este señor leu ese plan de obras e agora quere intentar lograr para si os méritos ou é que se dedica única e exclusivamente a facer campaña e non pasa polo Concello.
En relación co asunto das subvencións ás asociacións, sempre se pagaron ao ano visto. Están tramitadas no servizo de Intervención do Concello de Foz e os técnicos son os que teñen que conformar esas subvencións. O Concello ten os cartos para pagalas inmediatamente, unha vez estean conformadas polo servizo de Intervención, como se fixo sempre.
Por outro lado, houbo que devolver unha parte de diferentes subvencións, como todos os anos. De feito, o goberno municipal do Partido Popular tivo que devolver subvencións que quedaron sen xustificar de anos anteriores, durante o goberno socialista no que estaba Cancio, ben porque parte do persoal contratado abandonou antes de rematar porque atopou un traballo mellor ou ben porque non se cubriron todas as prazas por diferentes motivos. Polo tanto é vergonzoso que este señor estea alarmando agora aos veciños sobre as subvencións porque el, cando foi concelleiro no goberno local, facía exactamente o mesmo, xa que non hai outra forma de facelo.
Respecto á polémica xurdida por un muro na rúa Illa Nova, este señor coñece a realidade porque el era concelleiro do goberno municipal cando os propietarios intentaron ceder eses terreos. E, por certo, eses propietarios eran afiliados do Partido Socialista, algún incluso concelleiro do PSOE, cando intentaron ceder eses terreos; e nin o señor Cancio, que era concelleiro, nin o daquela alcalde fixeron nada por defendelos, xa que a día de hoxe existen verdadeiras dúbidas sobre a propiedade deles. Agora mesmo esa obra está parada por outras circunstancias, xa que non se adapta ao solicitado. Polo tanto o Concello actuou perfectamente: cando se soubo que se estaba facendo unha obra que non correspondía coa licenza enviouse á Policía Local e iniciáronse os trámites, moito antes de que el o denunciara na prensa.
Polo tanto, señor Cancio, déixese de facer demagoxia e de xustificarse politicamente. Cremos que ten que intentar curarse desa enfermidade de poder que ten e que todos coñecemos; remate a lexislatura como concelleiro e nestes últimos meses apoie as propostas do goberno de Foz e deixe xa de bloquear e de opoñerse incluso aos orzamentos para este ano 2015.
Juan Rivas (secretario da agrupación local do Partido Popular de Foz)