28.11.2014

O Alcalde de Foz agradece o labor do colexio Martínez Otero, que hoxe celebra o seu 75º aniversario.

Javier Castiñeira cualifica ao centro educativo como “unha institución importantísima para a provincia de Lugo”.

Imprimir
Foz, 28 de novembro de 2014.- O colexio Martínez Otero celebra hoxe o seu 75º aniversario e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, agradece o labor deste centro educativo, ao que cualifica como “unha institución importantísima para a provincia de Lugo”.

“Dende a corporación municipal queremos mostrar o noso agradecemento ao labor do colexio Martínez Otero, felicitar a todos os actuais profesores, ao equipo directivo e a todos aqueles que participaron no bo facer e na boa xestión deste colexio, que hoxe celebra o seu 75º aniversario. Estamos a falar dunha institución educativa importantísima non só no concello de Foz nin na Mariña senón na provincia de Lugo. Así é recoñecida, con múltiples éxitos no ámbito educativo e tamén no deportivo. Dende logo estamos moi ledos e moi contentos de que o Martínez Otero cumpra nun estado de forma fabuloso este 75º aniversario. Seguro que os seus fundadores, a familia Martínez Otero, estarían moi orgullosos de ver o funcionamento do actual colexio. Polo tanto, parabéns a todos e a seguir traballando nesta mesma dinámica”, manifestou o rexedor municipal focense.

Javier Castiñeira rematou destacando que o concello de Foz “é unha auténtica referencia a nivel educativo, con 5 colexios no municipio (tres públicos e dous concertados), que están funcionando a tope, máis un instituto fabuloso. Polo tanto eu creo que é unha carta de recomendación moi boa para o concello e do cal estamos todos moi orgullosos”.