16.10.2014

Visita a Foz do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán

Javier Castiñeira agradece a visita hoxe a Foz de José Juan Durán e subliña que Portos de Galicia é un dos entes que máis investimentos realizou nos últimos anos no concello.

Imprimir
Foz, 16 de outubro de 2014.- O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, agradece a visita realizada hoxe a Foz polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para anunciar o inicio inmediato das obras de reparación do dique da praia da Rapadoira. O rexedor subliñou que Portos de Galicia é un dos entes que máis investimentos realizou nos últimos anos en Foz.

Javier Jorge Castiñeira quixo “agradecer desde o Concello a visita, unha vez máis, do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e dos técnicos dese departamento anunciando o inicio inmediato das obras de reparación do dique da praia da Rapadoira que forma o paseo de Laredo, que encauza o río Masma e fai o canal de acceso aos portos de Foz”.

O alcalde focense lembrou que “ese dique resultou danado nos temporais do pasado inverno e agardamos a facer esta obra ata despois do verán, porque vai levar bastante tempo. Trátase dunha reparación estrutural, que necesita da incorporación de moitas toneladas de pedras na escollera e sobre todo o afianzamento dunha estrutura que quedou bastante danada nos temporais pasados. O investimento ascende a uns 175.000 euros e o prazo de execución é de catro meses. Esperemos que o tempo nos permita facelo nese período. Insisto, non quixemos que interferise no verán para que non houbese problemas para os bañistas nin para a bandeira azul”.

O rexedor tamén comentou: “aproveitamos a visita de José Juan Durán para falar de varios asuntos que temos pendentes e das obras realizadas nos últimos anos, porque Portos de Galicia foi un dos entes que máis investiu no noso concello: hai menos de dous anos realizou un dragado importante, cun investimento duns 250.000 euros; púxose unha pasarela de madeira por importe doutros 100.000 euros; fixéronse varias inversións no noso porto… Si que é verdade que hai unhas necesidades e que hai un compromiso de poder facelas de forma inmediata, por iso lles queremos agradecer a Portos de Galicia o seu compromiso con Foz”.