19.06.2014

O Concello de Foz remodela as instalacións da pista polideportiva do Campo da Cabana.

O alcalde prevé que as obras estean rematadas a principios de xullo.

Imprimir
Foz, 19 de xuño de 2014.- O Concello de Foz iniciou as obras para remodelar as instalacións da pista polideportiva do Campo da Cabana. Anunciouno hoxe o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, quen prevé que a mellora estea rematada a principios de xullo.

“Iniciáronse os traballos de reforma da pista polideportiva do Campo da Cabana, unha instalación a ceo aberto que está na zona central da vila e que necesitaba unha remodelación importante posto que había algún risco para aqueles que a estaban usando, sobre todo porque as gradas atopábanse nun estado lamentable. Os traballos que se están facendo e que continuarán seguramente ata a primeira semana de xullo son a substitución das gradas, que tiñan unha estrutura metálica e asentos de madeira e que estaban practicamente podres. Vaise facer unha nova pista con formigón pulido e será coloreada en verde a pista central e todo arredor en gris. Vaise dotar de porterías e canastras de baloncesto novas e tamén se vai facer un acceso central para poder entrar con vehículos en caso de necesidade”, explicou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira destacou que “é unha reforma importante que supera os 40.000 euros e para a que está solicitada unha subvención á Xunta de Galicia, concretamente á Dirección Xeral de Administracións Locais, para que financie parte desta obra. Contamos que estea lista xa para a segunda semana de xullo posto que empezará a haber actos nesa zona”.

O alcalde recordou que a pista de Campo da Cabana “levaba moitos anos sen facerlle nada e necesitaba esta mellora. Está no centro do pobo, é moi usada por rapaces e a súa remodelación era unha demanda que tíñamos por parte dos cidadáns. Unha vez buscado o financiamento o Concello acomete de moi bo grado esta obra, porque aparte das necesidades deportivas había unha falta de seguridade importante, sobre todo nas gradas, que era o que peor estaba e a xente que as usaba corría certo perigo posto que moitos asentos e incluso a propia estrutura estaba podre e polo tanto podía haber algún accidente”.

Castiñeira rematou pedindo paciencia porque “no prazo de 15 ou 20 días probablemente os traballos estean xa moi avanzados e no verán poderemos gozar dunhas instalacións como se merece esa zona tan activa no deporte como é o Campo da Cabana”.