17.06.2014

Actividades deportivas e culturales no Concello de Foz

O 5º torneo de fútbol 8 senior Vila de Foz celebrarase do 4 ao 6 de xullo no estadio Martínez Otero e repartirá 1.600 euros en premios.

Foz acollerá a 7ª edición do campus de verán de patinaxe artística do 23 ao 27 deste mes.

Imprimir

5º torneo de fútbol 8 senior Vila de Foz

Foz, 17 de xuño de 2014.- O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, participou na presentación da quinta edición do torneo de fútbol 8 sénior Vila de Foz, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo no estadio Martínez Otero e repartirá 1.600 euros en premios. Está organizado pola Peña Ñasss coa colaboración do Concello.

O rexedor municipal destacou que “a novidade con respecto a outros anos é que se vai realizar nun campo de herba natural, no Martínez Otero, que está no centro da vila. Para premios destínanse 1.600 euros en metálico: 1.000 para o gañador, 400 para o segundo clasificado e 200 para o terceiro, aparte dos trofeos. Neste caso o Concello de Foz colabora, como o fai con case todas as actividades deportivas e culturais que se desenvolven no noso concello. É interesante porque é un torneo que atrae a moita xente, non só aos participantes senón tamén aos que veñen a velo”.

Javier Castiñeira agradece “á Peña Ñasss pola súa organización e tamén a aqueles patrocinadores que axudan ao financiamento deste evento, co que se inician os primeiros actos deportivos do verán”.

Campus de verán de patinaxe artística.
 
Foz, 17 de xuño de 2014.- Foz acollerá a sétima edición do campus de patinaxe artística do 23 ao 27 deste mes. As actividades foron presentadas hoxe cun acto no que participou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor municipal explicou que “os nenos e nenas maiores de 5 anos poderán gozar dunha semana intensa de campus de patinaxe, no que terán tamén outras actividades deportivas, culturais e turísticas. Neste sentido o Concello de Foz está moi contento do resultado das anteriores edicións deste campus, no que normalmente se esgotan todas as prazas”.

Javier Castiñeira destacou que esta actividade “permite tamén a conciliación da vida laboral para todas aquelas familias que teñen rapaces que están xa na primeira semana de vacacións. É unha forma de que os nenos sigan activos. O horario é dende as 10 e media da mañá ata as 7 e media da tarde, comida incluída, e o prezo son 100 euros”.

Ademais do alcalde de Foz, no acto de presentación celebrado esta mañá participaron a directora do campus, Rebeca Díaz; a coordinadora, María Gómez, e o presidente da asociación Escolas do Deporte, Ibán García.