07.05.2014

Presentación en Quiroga da 1ª Festa do Chicharrón.

Comezaron onte as actividades previas á 1ª Festa do Chicharrón coa presentación en Quiroga e unha charla en Radio Foz con vendedoras de peixe, que falaron sobre a importancia do chicharro e agradeceron ao Concello a organización do evento.

Imprimir

Foz, 7 de maio de 2014.- As actividades previas á celebración da primeira Festa do Chicharrón en Foz, que terá lugar este fin de semana, comezaron onte coa presentación do evento en Quiroga, e cunha charla en Radio Foz con vendedoras de peixe, que falaron sobre a importancia do chicharro e agradeceron ao Concello a organización do evento.

Presentación en Quiroga.

Para presentar a Festa do Chicharro de Foz e o seu irmandamento coa XIV Mostra do Aceite de Quiroga desprazáronse onte a este concello do sur da provincia de Lugo o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, e o concelleiro de Medio Rural e Mar, Pedro Fernández Manín, que participaron no acto xunto ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, e outros membros da corporación quiroguesa.

Charla con vendedoras de peixe.

Tamén onte en Radio Foz houbo un programa, dirixido por Anxo Rivas, sobre o chicharro, espazo no que participaron as vendedoras de peixe Mercedes do Chícaro, Pepita do Cascudo e Rita da Canteira, que interveu a través do teléfono. Recordaron como despois de ser descargado dos barcos ían vender o chicharro, cargado en burros, polas parroquias do municipio de Foz e outros lugares da Mariña. Ademais explicaron a elaboración do chicharro lañado e da empanada deste peixe.

As tres participantes no programa radiofónico destacaron que o chicharro supuxo unha importante fonte de ingresos para os traballadores do mar focenses e as súas familias e agradeceron o esforzo do Concello por exaltar un produto tan importante para Foz. Esperan que este festexo teña continuidade e que no vindeiro ano poidan facer un obradoiro para mostrar todo o proceso de elaboración do chicharro lañado.