30.04.2014

Programación cultural do Concello de Foz para o mes de maio.

A programación cultural do Concello de Foz para maio inclúe teatro infantil, o 2º festival de coros xuvenís A Capela e un evento para conmemorar o 35º aniversario da agrupación O Feitizo.

Imprimir
Foz, 30 de abril de 2014.- A programación cultural do Concello de Foz para o vindeiro mes de maio inclúe teatro infantil, a 2ª edición do festival de coros xuvenís A Capela e un evento para conmemorar o 35º aniversario da agrupación O Feitizo.

O concelleiro de Cultura focense, Ánxel Paleo Soto, anunciou hoxe que “os actos culturais previstos para o mes de maio comezarán este sábado, día 3, cunha obra de teatro da compañía Baobab titulada O soldadiño de chumbo, que é unha historia de aventuras onde se enfrontan o poder, a inocencia e o amor e que ten un fermoso final. Está dirixida aos máis pequenos da casa e terá unha duración aproximada dunha hora. Será na sala Bahía ás seis e media da tarde con entrada gratuíta”.

Ánxel Paleo comentou tamén que “o sábado 17 de maio é o Día das Letras Galegas e no patio do colexio Número 1 a asociación cultural O Feitizo organiza un festival especial polo seu 35º aniversario, no que participarán antigos e actuais alumnos e tamén O Feitizo Animación. Será a partir das sete da tarde”.

Ademais o edil de Cultura explicou que “neste mes de maio tamén daremos continuidade ao festival de voces xuvenís A Capela, que se fixera o ano pasado por primeira vez e dada a boa acollida que tivo queremos seguir apostando por dar a coñecer o talento de todos estes mozos que se dedican a traballar todo o ano para ofrecernos unha serie de concertos a capela. Penso que é unha obriga que temos para que dalgunha maneira se recoñeza todo este traballo que fan e merecen darlles estas oportunidades. O primeiro concerto será o venres 9 de maio a partir das oito e media da tarde e participará o coro do Conservatorio Profesional de Viveiro. Despois o 23 de maio ás oito e media da tarde estará o coro da Escola Municipal de Música de Foz e, para rematar, cerrará o festival o xoves 29 de maio ás oito e media da tarde a aula coral do IES de Foz. Todos estes concertos serán na sala Bahía con entrada gratuíta. Só me queda invitar a toda aquela xente que non viu este tipo de concertos a que se acheguen ata o Bahía estes días porque merece a pena velos. E quero agradecerlles a todos estes coros a súa colaboración neste festival e nós seguiremos apostando por eles”.