21.04.2014

O alcalde de Foz destaca a elevada presenza de visitantes no concello durante a Semana Santa.

Javier Castiñeira resalta os servizos que se prestaron e o traballo dos organizadores das diferentes actividades celebradas.

Imprimir
Foz, 21 de abril de 2014.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destacou hoxe a elevada presenza de visitantes que houbo no concello durante a pasada Semana Santa. O rexedor municipal resalta os servizos que se prestaron e o traballo dos organizadores das diferentes actividades celebradas.

“Quedaron moi boas sensacións, pois houbo unha ocupación como nunca nestas datas, o pobo estivo completamente cheo e os servizos cumpriron perfectamente. Estamos moi satisfeitos tanto do nivel de ocupación nos hoteis, na hostalería e no propio pobo como dos servizos que se deron. Estamos de noraboa e, como a Semana Santa normalmente é un preámbulo do verán, as sensacións que nos quedan son moi boas. O nivel de satisfacción é altísimo en xeral, tanto dos hostaleiros como do comercio e dos veciños de Foz e tamén de todos aqueles que nos visitaron e dos que teñen a súa segunda residencia aquí. Cremos que toda esta xente se vai moi contenta e a todos aqueles que nos coñeceron por primeira vez quédanlles ganas de repetir”
, comentou Javier Castiñeira.

O alcalde focense engadiu que “acompañou o tempo na maior parte destes días, sobre todo nos primeiros, e iso axuda moitísimo a que luza o concello de Foz e toda A Mariña. Polo tanto a satisfacción é enorme e quédanos moi bo sabor de boca a todos para que o verán sexa o que necesitamos para que repunte esta comarca, que ten outras actividades que son positivas para o emprego pero dende logo o turismo é importante para que esta comarca poda seguir desenvolvéndose. Os balances en todos os concellos son moi positivos e polo tanto os alcaldes temos que dar a noraboa a todos os que participaron nos diferentes actos que fixeron que A Mariña puidera dar ese servizo e ese nivel de satisfacción que se levaron os turistas que estiveron aquí”.

Para rematar o rexedor municipal de Foz manifestou: “quero particularizar nas confrarías e naquelas persoas que fixeron posible a multitude de actos que houbo no noso concello. Empezando por San Martiño, que quizais fora a parroquia máis activa, hai que darlle a noraboa á Confraría do Desencravo e a todos os veciños de San Martiño que participaron nos actos desta excelente Semana Santa. E tamén a todos os veciños de outras parroquias e da vila de Foz que celebraron de forma excepcional as diferentes procesións e multitude de actos relixiosos e culturais que engrandecen tamén a Semana Santa do noso concello. A todos eles moitas grazas e os maiores parabéns polo resultado que tivo esta Semana Santa”.