05.02.2014

O temporal provoca importantes danos na cuberta do pavillón polideportivo do IES de Foz

O forte vento ocasionou o desprendemento de parte da cuberta do pavillón polideportivo do IES de Foz, o que causou danos na fachada do edificio e en varias aulas.

Por este motivo o equipo directivo do centro decidiu suspender as clases de mañá, mércores.

Anunciouno o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.

Imprimir

Foz, 4 de febreiro de 2014.- O forte vento ocasionou o desprendemento de parte da cuberta do pavillón polideportivo do Instituto de Secundaria de Foz, o que causou danos na fachada do edificio e en varias aulas. Por este motivo o equipo directivo do centro decidiu suspender as clases de mañá, mércores. Anunciouno esta tarde o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.

“Os fortes ventos, sobre todo a partir das tres da tarde, fixeron que houbera varios estragos no concello de Foz, o máis importante foi o desprendemento de parte da cuberta do pavillón do IES, o que o ocasionou varios danos, non só no polideportivo senón tamén na propia fachada do instituto e en varias aulas. Son moitos os estragos que hai no instituto polo que o equipo directivo suspendeu as clases para o día de mañá para tratar de avaliar os danos e repoñer o estragado”, explicou o rexedor municipal focense.

Javier Castiñeira engadiu que “un grupo de traballadores do Concello estará alí pola mañá para retirar os estragos, pero son importantes, aínda que afortunadamente só son materiais. Seguramente se houbera alumnos a esa hora, como estarían se non se suspenderan as clases, poderíamos estar falando de danos persoais a rapaces. Polo tanto dámoslle a noraboa a todos aqueles que decretaron a suspensión das clases para A Mariña no día de hoxe posto que acertaron, pois puido haber graves danos persoais nos rapaces”.

O alcalde de Foz tamén comentou que “estamos pasando unha semana complicada e difícil, polo que pedimos a todos os veciños e a todas as persoas que se acheguen á costa que o fagan con moita precaución, xa que a costa está danada e ningún sitio é seguro. Polo tanto debemos deixar as fotos para outros momentos máis apropiados posto que estamos poñendo en perigo as nosas vidas e as da xente que está nos servizos de rescate”.

Castiñeira lembrou ademais que segue desaparecido o rapaz veciño de Foz ao que levou o mar o pasado domingo e manifestou que “o que máis nos importa dende logo son os danos persoais e non queremos que suceda nada máis”.

Para rematar o rexedor advertiu que “veñen uns días de inclemencias meteorolóxicas duras, sobre todo fenómenos costeiros, polo que pido máxima precaución a todos”.