08.01.2014

XI Festa do Berberecho

Foz celebra a XI Festa do Berberecho do 17 ao 19 deste mes nunha carpa que será instalada no peirao e en locais hostaleiros da vila.

O evento foi presentado hoxe polo alcalde e polo o concelleiro de Pesca e será pregoado por Basilio Otero.

Imprimir

Foz, 8 de xaneiro de 2014.- A décimo primeira edición da Festa do Berberecho de Foz celebrarase do 17 ao 19 deste mes nunha carpa que será instalada no peirao e en locais hostaleiros da vila. O evento, que será pregoado por Basilio Otero, foi presentado hoxe polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e polo concelleiro de Pesca, Pedro Fernández Manín.

Como actividade previa á XI Festa do Berberecho o vindeiro mércores, día 15 de xaneiro, ás 10 da mañá haberá unha visita á Ría de Foz para alumnos de 4º de ESO dos colexios O Pilar, Martínez Otero e do IES focense acompañados pola bióloga Olga Teijeiro Golpe, dependente da Xefatura do Mar de Celeiro.

O venres 17 empezará a degustación de berberecho nos locais hostaleiros de Foz e ás oito da tarde terá lugar o pregón a cargo de José Basilio Otero Rodríguez, natural da parroquia focense de Nois e que é presidente do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, vicepresidente primeiro da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela. No acto terá lugar unha actuación musical a cargo do grupo Canere Son, de Burela. E ás 21 horas abriranse as casetas instaladas no peirao.

O sábado 18 seguirá a degustación de berberecho nos locais de hostalería de Foz e na carpa instalada no peirao a cargo de Restaurante Pizzería A Soalta e Cafetería Náutico. Desde as doce do mediodía ata rematar as existencias servirán racións de berberechos en empanada, á mariñeira, ao vapor e con fabas de Lourenzá. O prezo de cada ración con pan é de 4 euros. De 12:30 a 15:00 horas haberá animación con música tradicional a cargo do grupo A Subela e ás 19 horas empezará o segundo Certame de Cantos de Taberna nos bares participantes. Na carpa actuará a agrupación O Feitizo ás 19:30 horas e a Rondalla Latexos ás 22 horas.

A XI Festa do Berberecho de Foz rematará o domingo 19 con degustación de berberecho nos locais de hostalaría, ás 12 do mediodía abrirase a carpa para seguir ofrecendo racións como o día anterior. De 12:30 a 14 horas haberá animación de rúa con música tradicional a cargo do grupo O Feitizo de Foz e ás 14:30 actuará o grupo musical Mar Aberto.

O concelleiro de Pesca explicou que “o Concello de Foz está preparando a tope a XI Festa do Berberecho” e sobre o pregoeiro do evento, Basilio Otero, destacou que “é unha persoa moi coñecida, que actualmente é presidente do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, vicepresidente primeiro da Federación de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela. Queremos agradecerlle a disposición que tivo ao aceptar a nosa invitación porque é difícil atopar persoas que se presten para estes mesteres. É unha persoa que naceu na parroquia de Nois, no concello de Foz, e estivo sempre dedicado á vida do mar”.

Sobre a visita á ría de Foz que haberá o vindeiro mércores Pedro Fernández Manín comentou que “foron invitados alumnos dos centros onde dan a segunda etapa de estudos. Entendemos que como se vai explicar mesmo ao pé da ría o estado do berberecho, como se cría, como se sementa e outras cuestións é un tema que entendemos que é moi interesante”.

En canto ao segundo Certame de Cantos de Taberna, que terá lugar o sábado 18, o concelleiro de Pesca explicou que “todos aqueles veciños que queiran formar grupos nós estamos encantados de que colaboren co Concello e quero agradecer a axuda destas agrupacións desinteresadamente, sen cobrar un só euro”.

Para rematar Pedro Fernández Manín destacou que “por parte da organización estase a promover como sempre este evento, xa de gran renome no concello de Foz e que por parte do grupo de goberno queremos que sexa unha das festas destacadas nesta zona”.