21.11.2013

Balance moi positivo das charlas sobre o PXOM polas parroquias do concello.

O alcalde de Foz destaca a elevada asistencia de público ás charlas dos técnicos municipais sobre o plan urbanístico nas parroquias, que remataron onte.

Javier Castiñeira explica que con estas reunións disipáronse as dúbidas creadas interesadamente polos grupos políticos que desinformaron aos veciños.

Imprimir

Foz, 21 de novembro de 2013.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixo hoxe balance das charlas sobre o plan urbanístico organizadas polo Concello nas parroquias coa participación de técnicos municipais, que remataron onte á noite. O rexedor destacou a elevada asistencia de público ás reunións, nas que se disiparon as dúbidas “creadas interesadamente polos grupos políticos que desinformaron aos veciños”.

“Unha vez rematadas as charlas informativas polas parroquias sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que está en exposición ao público no Concello de Foz, o balance é moi positivo; e proba diso é a multitudinaria asistencia por parte de veciños de todas as parroquias, entre elas a que se fixo onte en Cangas, onde houbo máis de cen cidadáns desa parroquia, que é a máis poboada de Foz despois do núcleo urbano con cerca de mil veciños”, manifestou Javier Castiñeira.

O alcalde destacou que as reunións foron “moi produtivas e por parte do grupo de goberno hai que felicitar aos técnicos municipais, que conseguen explicar o ordenamento dunha forma bastante sinxela e disipan todas esas dúbidas que outros grupos políticos van creando interesadamente, facendo desinformación do que é un Plan Xeral. A verdade é que quedamos contentos destas exposicións”.

Ademais Castiñeira anunciou que “agora queremos facer unha charla na zona urbana e quizás chegar tamén a algún barrio de Foz, como poden ser Marzán ou Vilaxoane. De todas formas os técnicos seguen a disposición de todos os veciños nas oficinas municipais durante todos os días para que poidan ver as súas cuestións particulares coas explicacións dos técnicos. Iso é o que nós fixemos sempre: aconsellar a todos veciños que se pasen pola Casa do Concello e que acudan aos técnicos municipais, que para iso están”.

O rexedor municipal engadiu que “o resto de informacións queda claro que son mal dirixidas por grupos políticos que queren que o Plan Xeral non se leve adiante, queren que siga a situación actual coa normativa do ano 81, queren facer política de desgaste, cando realmente o que se está a facer dende o equipo de goberno é política de responsabilidade sacando un Plan Xeral, algo que o Concello ten a obriga de facer, que xa debía estar listo hai tempo e que desgraciadamente non está e hai que retomalo. Polo tanto iso é o queremos facer, non quedarnos atrás e sacar adiante un documento que sexa o máis interesante posible e que fará de Foz un concello moderno no que se refire ao urbanismo”.