19.11.2013

Pleno extraordinario no Concello de Foz para este vindeiro xoves.

O alcalde de Foz acusa á Deputación de discriminar a este concello por estar gobernado polo PP.

Javier Castiñeira anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario da corporación municipal para reclamar que o organismo provincial cambie as bases do plan de emprego.

Imprimir
Foz, 19 de novembro de 2013.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, acusa hoxe á Deputación de Lugo de discriminar ao Concello focense porque está gobernado polo Partido Popular. Lembra que nos dous anos que leva na Alcaldía non foi recibido nunca polo presidente nin polo vicepresidente do ente provincial e anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario da corporación municipal para reclamar que a Deputación cambie as bases do plan de emprego, ao que non pode optar o Concello de Foz.

Javier Castiñeira anunciou a convocatoria para este xoves ás nove da noite dun pleno extraordinario “para pedir o apoio da corporación municipal para que a Deputación de Lugo cambie as bases dese plan de emprego que acaba de presentar estes días. É un plan que deixa a Foz sen ningún tipo de opción, igual que a outros moitos concellos, cunhas bases completamente nesgadas e dirixidas a concellos gobernados polo PSOE e polo BNG. Isto constata o tipo de política sectaria que está levando a cabo a Deputación. É evidente neste plan de emprego, onde se inclúe nas bases, por exemplo, ser un concello de menos de 5.000 habitantes, estar dentro da Rede Natura ou a súa capacidade forestal. A verdade é que non entendemos que ten que ver iso co emprego e que non se teña en conta o número de parados ou as diferentes necesidades que teña un concello”.

O rexedor municipal de Foz lembrou que “está pasando o mesmo con moitas cousas da Deputación de Lugo, por exemplo co POS e con outro tipo de plans. Verdadeiramente a nós parécenos vergonzoso que a Deputación estea tratando de diferente forma a uns concellos por ser gobernados por uns alcaldes e a outros nos discrimine. A proba máis evidente diso é que nin a Vicepresidencia nin a Presidencia, ou sexa nin BNG nin PSOE, foron capaces de recibir ao alcalde de Foz nestes dous anos que levamos no goberno local nin se interesaron polos problemas do municipio. Parécenos lamentable que despois de dous anos esta xente non entenda que o Concello de Foz e outros moitos que están sufrindo o mesmo teñen os mesmos problemas que poidan ter outros gobernados polo BNG e polo PSOE”.

Polo tanto o goberno municipal focense pídelle á Deputación de Lugo “que cambie esas bases, que son totalmente nesgadas e dirixidas e que as poña de forma moito máis obxectiva para que todos os concellos e en definitiva todos os veciños de Lugo polo menos poidan optar a un posto de traballo. Está claro que os veciños parados de Foz quedan completamente fóra dese plan, igual que os parados dun porcentaxe de concellos moi alto da provincia de Lugo, que non son gobernados polo que quere a Deputación”.

“Eu entendo que por ese camiño non vamos a ningún lado, pero aló eles. Esa é a clase de política que quere o BNG e o presidente Besteiro, que di ser o responsable de todos os socialistas galegos”, rematou o alcalde.