19.11.2013

Actividades culturais para este fin de mes organizadas polo Concello de Foz

O Concello de Foz organiza dende mañá ata o día 30 deste mes cinco actividades culturais: tres representacións teatrais, un concerto e a proxección dun documental sobre Alexandre Bóveda.

Imprimir

Foz, 19 de novembro de 2013.- A Delegación de Cultura do Concello de Foz, que dirixe o concelleiro Ánxel Paleo, organiza dende mañá, mércores, ata o día 30 deste mes cinco actividades, que son tres representacións teatrais, un concerto e a proxección dun documental sobre Alexandro Bóveda.

O primeiro destes actos será mañá, mércores, día 20, ás 19 horas na Casa da Cultura, onde se proxectará un documental biográfico sobre Alexandre Bóveda titulado A fazaña da liberdade.

O venres 22 ás 21:30 horas o local da asociación de veciños de Santa Cilla acollerá á representación teatral a cargo do grupo Axóuxeres que ofrecerá as comedias tituladas Véndese mula e A Pousada. Estas mesmas obras serán representadas por Axóuxeres o día 29, venres, ás 21 horas no local da asociación de veciños de San Martiño.

O sábado 23 ás 20:30 horas na igrexa parroquial de Foz haberá un concerto para celebrar a festividade de San Cilla a cargo da banda de música municipal e da coral polifónica de Foz.

E a programación cultural organizada polo Concello focense para este mes rematará o día 30, sábado, ás 18:30 horas na sala Bahía cun espectáculo de teatro infantil.