30.10.2013

O goberno municipal de Foz propón que a variante marítima sexa incluída no trazado do Camiño Norte de peregrinación a Santiago.

Levará ao pleno da corporación de mañá, xoves, o apoio á alegación que presentará pola asociación Abrindo Camiño.

Imprimir
Foz, 30 de outubro de 2013.- O goberno municipal focense apoia a alegación ao trazado do Camiño de Santiago que presentará a asociación Abrindo Camiño para que se inclúa a variante marítima que pasa pola costa de Ribadeo, Foz e Barreiros e pola basílica de San Martiño. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que este asunto tratarase no pleno da corporación que se celebrará mañá, xoves.

O rexedor municipal explicou que “o grupo de goberno de Foz, despois de estar reunido cos responsables da asociación Abrindo Camiño, da Acia de Foz e con historiadores, vai levar ao pleno unha moción que apoie a alegación que vai presentar a asociación Abrindo Camiño para que dentro do trazado do Camiño Norte de Santiago se inclúa a variante marítima, que levamos anos defendendo. Viría pola costa e uniría todas as praias de Ribadeo, de Foz e de Barreiros, pasaría pola basílica de San Martiño e despois iría por Alfoz ata Mondoñedo. Con este itinerario uniríanse tres focos importantes turísticos, culturais e históricos da Mariña, as tres catedrais máis importantes da Mariña, que son: a praia das Catedrais, que é o punto da comarca máis visitado; a basílica de San Martiño de Mondoñedo, que é a catedral máis antiga de España; e por suposto a catedral de Mondoñedo”.

Javier Castiñeira considera que “sería unha variante importante que debe terse en conta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, da Xunta de Galicia, e polo tanto vamos dar ese apoio aos compañeiros de Abrindo Camiño, que levan moitos anos traballando nesta variante. Cremos que aportaría moitísimo ao Camiño de Santiago, non só polos nosos paraxes preciosos por toda a parte costeira e a zona interior senón que tamén aportaría valor histórico, patrimonio, turismo e un número de xente importante”.

E o alcalde focense rematou explicando que “nós vamos estar aí, porque cremos que esta variante é importante para A Mariña e tamén para o Camiño de Santiago. En definitiva, non entendemos que se poida deixar fóra unha das xoias históricas máis grandes que ten A Mariña, como é a basílica de San Martiño de Mondoñedo, que dos séculos X ao XII foi hospital de peregrinos, hai documentos que constatan o paso de peregrinos nesas datas, estamos a falar de hai máis de mil anos. Creo que iso é un argumento suficiente para que a basílica de San Martiño e esta variante marítima teña acollida no Camiño Norte que propoña a Xunta de Galicia”.