19.09.2013

Sesión extraordinaria da Academia San Rosendo en Foz.

Foz acollerá este sábado unha sesión extraordinaria da Academia San Rosendo para recibir o título de académico de honra.

O alcalde destaca a importancia desta distinción, que indica a transcendencia que tivo e ten a basílica de San Martiño.

Imprimir
Foz, 19 de setembro de 2013.- O vindeiro sábado, 21 de setembro, ás 12 do mediodía na Casa da Cultura focense terá lugar unha sesión extraordinaria da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo. O motivo deste acto é a concesión a Foz do título de académico de honra, distinción que o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, considera moi importante e que indica a transcendencia que tivo e ten a basílica de San Martiño.

O rexedor municipal indicou que “se trata dun acto moi importante que pon de manifesto a transcendencia que tivo e ten a basílica de San Martiño de Mondoñedo, que no século X era un dos piares importantes da cultura do Reino de Galicia. Foi tamén un lugar importantísimo para unha das personaxes máis relevantes daquel momento, que foi o bispo San Rosendo. El iniciou os seus pasos nesta sede episcopal e pasou aquí grande parte da súa vida, arrincou co seu tío, Sabarico II, a súa longa traxectoria como bispo e coma personaxe transcendental nesa época en Galicia”.

Javier Castiñeira subliñou que “para nós é unha honra recibir este recoñecemento por parte do director da academia e por parte dos bispos de Mondoñedo-Ferrol e Ourense. O noso agradecemento a don Segundo Leonardo Pérez López, como presidente da Academia San Rosendo, por querer estar en Foz para celebrar esta sesión extraordinaria e por recoñecer a importancia histórica de San Martiño de Mondoñedo, unha zona de cultivo da cultura e do patrimonio histórico de Galicia nesa época”.