13.09.2013

O Ministerio de Educación y Cultura aportará 40.000 euros para comprar os terreos do Castro de Lelle.

Anunciouno hoxe o alcalde de Foz, quen lembrou que o Concello xa iniciou as negociacións cos propietarios das fincas.

Imprimir

Foz, 13 de setembro de 2013.- O Ministerio de Educación y Cultura aportará 40.000 euros para comprar os terreos do Castro de Lelle, na parroquia focense de San Martiño. Anunciouno hoxe o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, quen lembrou que o Concello xa iniciou as negociacións cos propietarios das fincas onde se atopa ese xacemento que se pretende poñer en valor.

“Dende o grupo de goberno congratulámonos destas boas novas con respecto ao Castro de Lelle. Estamos moi contentos de que nos informaran desde o Ministerio de Educación y Cultura da axuda no financiamento para a compra dos terreos deste xacemento. É unha xestión que se iniciou xa hai tempo e concretamente o 13 de marzo nunha visita que fixen a Madrid, coa mediación do senador Xosé Manuel Barreiro, e do deputado mariñano Jaime de Olano, conseguimos que o Ministerio, co un por cento cultural, poida sufragar unha gran parte do custe dos terreos do Castro de Lelle”, comentou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira explicou que “están iniciados os tratos cos propietarios, porque son terreos particulares, e tamén as xestións coa Consellería de Cultura, que tentará poñer en valor esa zona”. Pero “estamos pendentes da Deputación de Lugo, que aínda non quixo recibirnos e é a única administración que queda para que tamén colabore no financiamento da adquisición deste castro”.

A compra dos terreos onde está o xacemento “é moi importante, sería o primeiro paso. Hai un empeño importante por parte do grupo de goberno de Foz, polo que retomará as negociacións cos propietarios e trataremos de que nos próximos meses se faga efectiva esa compra”, manifestou o alcalde.

Castiñeira apela á responsabilidade dos dirixentes da Deputación Provincial de Lugo, que “de momento non quixeron nin tomar contacto con nós” e lembra que no caso da Xunta de Galicia “o propio conselleiro recibiunos e propuxo a posta en valor unha vez que os terreos sexan do Concello”.

O rexedor municipal considera que “os 40.000 euros do Ministerio de Educación y Cultura axudarán dunha forma importante ao financiamento e se o Concello ten que poñer algo así o fará. Pero cremos que sería lóxico que todas as administracións participaran para esa compra de terreos”.

Javier Castiñeira rematou agradecendo “a Xosé Manuel Barreiro, por interceder nestas nestas negociacións; ao ministro Wert, que tamén participou nesta decisión; e por suposto ao responsable da Dirección General de Bellas Artes, Jesús Prieto, que é o departamento encargado deste financiamento e vai ser o que o asuma co un por cento cultural”.