16.08.2013

Novo curso de xardinaría para 15 persoas.

O próximo luns, día 19 de agosto, comezará en Foz un curso de xardinaría para 15 persoas financiado pola Xunta.

O alcalde, Javier Castiñeira, destaca que os alumnos formaranse e axudarán a mellorar as zonas verdes do concello.

Imprimir
O próximo luns, día 19 de agosto, comezará en Foz un curso de xardinaría financiado completamente pola Consellería de Traballo e Benestar, da Xunta de Galicia. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, destaca que os 15 alumnos, ademais de formarse, axudarán a mellorar as zonas verdes do municipio.

O rexedor anunciou hoxe que “no Concello de Foz 15 persoas, que xa están seleccionadas, van ter a posibilidade de recibir un curso de xardinaría co que poderán ter o certificado de profesionalidade. Así, continuamos con esa dinámica que está seguindo o Concello, paralela á Xunta de Galicia, de promoción do emprego. E estamos moi contentos porque a aula de formación situada no polígono industrial de Fazouro está moi activa”.

Javier Castiñeira tamén lembrou que “aló para o mes de setembro ou outubro empezará o novo obradoiro de emprego concedido ó Concello de Foz integramente para 20 persoas. Esa é a dinámica do Concello, a promoción do emprego e tratar de formar a todos aqueles que están nunha situación delicada, de falta de emprego, e con esa formación axudarémoslles a todos ou a moitos a tratar de atopalo”.

Castiñeira agradeceu á Xunta de Galicia “o esforzo que está facendo co noso Concello. Xa son varios os cursos e obradoiros nestes dous anos e a verdade é que esa lealdade que está tendo con nos é de recoñecer. É unha consellería que está traballando moito en xeral, xa non so en Traballo, senón tamén en Benestar e Asuntos Sociais. Á conselleira Beatriz Mato e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, novamente as grazas por este curso, que ten un financiamento de cerca de 40.000 euros. Nestes tres meses estes alumnos poderán, aparte de formarse, contribuír a mellorar as nosas zonas verdes axudando ó servizo de xardinaría do Concello, que falta fai”.