09.07.2013

Unifoz e o secretario xeral do PSOE local están creando incerteza por loitas internas de poder, o que non é positivo para a imaxe do concello.

O goberno municipal só está preocupado por atender a veciños e turistas.

Imprimir
Foz, 9 de xullo de 2013.- O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, referiuse hoxe “á incerteza” que están a crear Unifoz e o secretario xeral do PSOE local coas súas declaracións nos medios de comunicación sobre unha posible moción de censura no Concello. O rexedor di que o seu goberno está preocupado unicamente por atender aos veciños e aos turistas que visitan Foz este verán. Castiñeira considera que o resto son loitas internas de poder que non son positivas para a imaxe do municipio.

O rexedor municipal focense sinalou que “a única preocupación que ten o grupo de goberno do Partido Popular en Foz é atender ao verán, darlles servizos a todas as veciñas e os veciños e tamén aos turistas que temos no pobo durante esta época. Esa é a nosa única preocupación: estar pendentes das festas do Carme, atenderlles aos socorristas, ás praias, ás parroquias, etcétera. Para iso estamos no Concello, o resto son loitas internas de poder por parte dalgún”.

Javier Castiñeira subliñou que “todo isto non é positivo para o concello, que ten que dar unha imaxe completamente distinta. Eu creo que a podemos dar porque somos un concello con suficiente criterio e historia para coñecerse por outras cousas e non por este tipo de loitas políticas e de poder”.

O alcalde lembrou que “nós nestes dous anos levamos vivindo unha situación de bloqueo por parte duns para tratar de buscar algún rendemento político. Estamos acostumados, pero debemos dedicarnos a xestionar unha situación complexa economicamente e tentar dar os mellores servizos nesta época. Os hostaleiros, o comercio, os empresarios e os nosos veciños estaban agardando polo verán coma auga de maio e o que non podemos estar agora é con loitas de política interna”.

Castiñeira foi contundente: “nós ás nosas responsabilidades e si nalgún momento alguén ou algúns grupos políticos deciden ir en contra da vontade do pobo, aló eles e a súa responsabilidade”.