04.07.2013

O alcalde de Foz prevé incorporar a vindeira semana catro auxiliares de clínica nas praias, o que permitirá redistribuír os socorristas que hai nos areais.

Javier Castiñeira ten previsto que haxa un fixo na Pampillosa, que actualmente atenden dende Llas e Arealonga.

Imprimir
Foz, 4 de xullo de 2013.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, mantén conversacións coa Xunta de Galicia para poder incorporar a vindeira semana catro auxiliares de clínica nas praias, o que permitirá redistribuír os socorristas que hai actualmente nos areais. Nese caso o rexedor municipal ten previsto que haxa un vixilante fixo na Pampillosa, praia que actualmente atenden dende as de Llas e Arealonga.

Javier Castiñeira explicou hoxe que “o grupo de goberno está moi contento co funcionamento dos servizos nas praias, tanto o de socorrismo como o de limpeza, e esperamos que en próximos días, de acordo coas conversacións que estamos tendo coa Xunta de Galicia, concedan catro auxiliares de clínica para as praias. Esas persoas, coma todos os anos, estarán no posto de socorro e van ser as que nos permitan redistribuír os socorristas que temos agora nos areais”.

O alcalde aproveitou para responder ás criticas “do señor Raúl Río, que di ser o representante dos veciños de Fazouro pero eu teño bastantes dúbidas porque creo que se está representando a el solo ou a algún portavoz político que manexa eses fíos”. Castiñeira dille que “estea tranquilo porque trataremos de que haxa un socorrista na praia de A Pampillosa, pero o ano pasado e este ata agora está habendo exactamente os mesmos servizos, que se atenden desde Llas e Arealonga. Non obstante, cando o Concello reciba eses catro auxiliares de clínica é moi probable que, ao incrementarnos este ano os socorristas a Xunta de Galicia, podamos ter unha persoa fixa na Pampillosa”. E aclarou que “non vamos entrar a ningún tipo de polémica porque eu creo que este señor o que quere e danar a imaxe do goberno. E os veciños poden estar moi tranquilos, porque este alcalde vai tratar igual a todos os veciños das parroquias e a todas as persoas do núcleo urbano”.

O rexedor municipal rematou comentando: “estamos contentos, porque eu creo que para a semana que vén poderemos ter catro persoas máis para o servizo de vixilancia nas praias e esperemos incluso ter algunha máis tamén para a limpeza dos areais. Polo tanto, tranquilidade para todos os veciños, incluídos evidentemente os de Fazouro”.