05.04.2011

Rivera válese do Plan Emprega Lugo para maquillar os datos en épocas electorais

O alcalde de Foz non sabe onde meter o persoal do proxecto de promoción de emprego provincial, simulando a política de Zapatero co Plan E, con postos de traballo provisional nas administracións, e abandonando as empresas

Imprimir
O candidato PP de Foz, Javier Castiñeira, advirte que lle resulta chocante que dende o PSOE local se presuma de crear traballo co Plan Emprega Lugo, un traballo improdutivo e desorganizado, co único fin de sacar resultados electoralistas a dous meses dos comicios municipais.

O caso de Rivera non é máis que o resultado de seguir coa política de emprego do seu líder Zapatero, que endebeda e hipoteca o futuro dos contribuíntes malgastando os poucos recursos existentes en  postos de traballo provisional, directamente dende a Administración. Dende o Partido Popular de Foz chama a atención ver a socialistas como Rivera presumindo de crear traballo, cando as súas políticas de emprego están dando un resultado de máis de 4.300.000 parados no país, unha débeda insostible resultado do Plan E e o que é máis grave, 1 de cada 2 mozos menores de 25 anos está desempregado, incluído os propios focegos.

É moi doado gastar os cartos de todos os lucenses e contratar dende as administracións máis persoal sen saber incluso para a onde mandalos, tal e como pasa en Foz onde se está a someter indignamente a moitas  traballadoras a quitar as herbas das xuntas das plaquetas unha a unha á rastro para entretelas, habendo outros métodos máis sinxelos e prácticos para  realizalos, ou traballos máis necesarios nas parroquias, tal e como xa denunciou o Partido Popular a semana pasada.

Os Populares de Foz propoñemos alternativas. O goberno local debe cambiar para rematar coa herdanza do PSOE e de Rivera de débedas aos provedores, impagos, desinvestimentos e incerteza con rutinas que non axudan aos emprendedores a confiar nunha vila con potencial desaproveitado. No desgoberno de Rivera non se apoian as pequenas empresas e autónomos, como promove o Partido Popular de Foz, que son os que verdadeiramente poden e deben crear emprego produtivo; non se dan solucións para que se localicen novas empresas e se encha o polígono que ten abandonado, e rexéitase facer de Foz unha vila máis atractiva para que confíen nel investidores externos e os propios empresarios focegos e se empece a crear emprego de verdade e non só de propaganda electoral.

Esa mesma incerteza e desconfianza que creou Rivera na vila tena nos seus propios compañeiros de candidatura, que moitos deles comentaron publicamente estar en desacordo coas súas actitudes personalistas e continuistas e auguran un verdadeiro fracaso electoral.

Para axudar a crear emprego, o señor Rivera debería facer como o seu líder Zapatero, non volver presentarse ás eleccións, e deixar paso aos que teñen ilusión, gañas de traballar e non entramos na política para pelexarnos e moito menos pensando na xubilación anticipada, senón en servir os nosos veciños e a nosa vila como ben se merecen.