23.05.2013

O alcalde de Foz confía en que a Xunta leve a cabo o proxecto de reorganización da zona portuaria focense para o que se están dando os pasos administrativos necesarios.

Javier Castiñeira lembra as actuacións de Portos de Galicia en Foz.

Imprimir
Foz, 22 de maio de 2013.- O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, explicou hoxe que as afirmacións realizadas no Parlamento autonómico polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, fan que o goberno municipal focense siga confiando en que o proxecto de reorganización da zona portuaria focense vaise levar a cabo, porque “estanse a dar os pasos administrativos necesarios”.

“O grupo de goberno focense e o alcalde seguimos firmes e confiados no proxecto de reorganización da zona portuaria de Foz. Seguimos confiando na Xunta, concretamente no ente Portos de Galicia e no seu presidente, o señor Durán, porque estanse a dar os pasos administrativos necesarios para que no seu momento esta promesa sexa unha realidade. Se está anticipando a labor administrativa para todas estas posibilidades que vai ter este porto, para que no seu momento poida haber unha concesión e sexa atractiva para a inversión privada, tal e como se dixo desde o primeiro momento”, manifestou o rexedor municipal focense.

Ademais Castiñeira aclarou que “nunca se fixo ningún tipo de engano neste sentido. Falouse dende sempre de que se estaba facendo un estudio hidrodinámico e aí está, porque é necesario para ver como funcionaría a propia ría con esta infraestrutura. Agora se está a facer o plan especial de ordenación para cambiar os usos que hai actualmente das instalacións portuarias para os que pode ter no futuro e se están dando os pasos administrativos, como ben di o propio presidente de Portos de Galicia, para que no seu momento haxa unha concesión que sexa atractiva”.

En resposta as declaracións realizadas hoxe polo deputado autonómico socialista José Ramón Val, o alcalde explica que “non se mentiu en ningún momento aos cidadáns, como di este señor. En todo caso se hai alguén que enganou á cidadanía, aos veciños de Foz, é o propio señor Val: enganou aos seus compañeiros do grupo municipal socialista coa súa dimisión ao ano de presentarse como concelleiro, enganou aos seus compañeiros na Deputación Provincial onde estivo exactamente un ano tamén única e exclusivamente por intereses personalistas e agora este señor parece que quere xustificar o seu abundante soldo facendo unhas afirmacións que verdadeiramente non son exactas”.

Javier Castiñeira rematou explicando que “Portos de Galicia está confiando en Foz: fíxose un dragado urxente hai un ano pola necesidade que había de entrada á ría; no próximo mes vaise empezar o dragado da canle, tal e como se prometeu; anunciouse a pasarela no porto e xa está feita e prométese tamén a ampliación de dez metros de beirarrúa para tratar de rematar xa esa zona peonil, o que se vai facer nas próximas semanas. Polo tanto temos total confianza no ente Portos de Galicia, na Consellería e na Xunta. Debemos ter paciencia para que isto vai saíndo adiante e esperamos que en próximas datas haxa unha concesión e un ente privado, ou varios, que confíen nesta inversión para ter un porto deportivo como se merece o pobo de Foz”.