03.05.2013

Javier Castiñeira considera vergonzosa e alarmista a actuación de Cancio en relación cos estudos para a construcción do novo porto.

O noso alcalde recoméndalle a Cancio que non xogue a enxeñeiro, que sexa construtivo e deixe traballar aos técnicos de Portos de Galicia.

Imprimir

Foz, 3 de maio de 2013.- O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, considera que o portavoz de Unifoz, Jaime Cancio, quere facer de técnico de Canles e Portos analizando os estudos para a construción do novo porto. O rexedor considera vergonzoso e alarmista que despois de ver os estudos durante un hora xa saque conclusións e recoméndalle a Cancio que non xogue a enxeñeiro, que deixe de alarmar, que sexa construtivo e que deixe traballar aos técnicos de Portos de Galicia, ente autonómico que está comprometido con Foz, como o demostra que en breve van empezar as obras de dragado recentemente adxudicadas.

A Javier Castiñeira sorpréndelle que “o portavoz de Unifoz, o señor Cancio, agora veña a presumir de técnico de Canles e Portos. Paréceme bastante vergonzoso e alarmista que este señor veña aquí unha hora pola mañá e lea o estudo de alternativas, no que se está traballando, e un estudo hidrodinámico, que tardaron os técnicos dous ou tres meses en facelo, e veña agora o señor a Cancio a sacar conclusións. O que temos é que deixar traballar aos técnicos de Portos de Galicia, que son os que teñen que dar a solución para ese porto”.

“Do que nós estamos completamente seguros é de que Portos de Galicia é un ente que está comprometido con Foz, que está buscando a solución técnica e viable para un porto deportivo. Debemos deixar traballar a toda esa xente, que é a que verdadeiramente o que ten que facer”, manifestou o alcalde, quen engadiu que “o señor Cancio quere xogar a enxeñeiro, pero eu creo que non é o momento. Que deixe de alarmar, que deixe de poñer zancadillas e que se centre en ser un pouco máis construtivo. Que deixe aos técnicos de Portos de Galicia seguir traballando, que son os que están facendo os estudos e os proxectos correspondentes. Estamos actuando con transparencia absoluta neste sentido, pero nosoutros non somos quen para dicir se é viable ou non ou estudo, non somos as persoas que o deben facer senón os propios técnicos de Portos de Galicia, que son os que teñen que dar solucións”.

O goberno municipal focense ten claro que “Foz necesita un porto deportivo coa capacidade que precisa un pobo turístico coma o noso, que non a temos, e que se dea solucións tamén, evidentemente, aos problemas que temos agora. Unha delas vai ser precisamente ese dragado que imos ter agora, antes do verán, que está adxudicado e que en breve será contratado e nos próximos meses se empezará esa obra. Ese é o compromiso de Portos de Galicia, mentres que o señor Cancio actúa o revés para tratar de desfacer”.

E finalmente o rexedor municipal recoméndalle ao portavoz de Unifoz “que deixe traballar aos técnicos, que se deixe de aventuras e de tecnicismos e que reme a favor do Concello de Foz, que é o que ten que facer. Que mire un pouco como o resto dos grupos políticos, de forma completamente consecuente, o están a facer”.