02.05.2013

O Concello de Foz mellorará alumeados públicos de Cangas, Fazouro e Nois cun investimento de case 20.000 euros.

A obra, que está incluída no POS da Deputación Provincial, foi adxudicada á empresa focense Otelec.

Imprimir
Foz, 02 de maio de 2013.- Os alumeados públicos das parroquias de Cangas, Fazouro e Nois serán mellorados cun investimento de case 20.000 euros. A obra, que está incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial de Lugo, foi adxudicada polo Concello de Foz á empresa focense Otelec.

O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe esta “boa noticia para os veciños das parroquias de Nois, Cangas e Fazouro, posto que se contratou mediante o POS da Deputación a substitución do alumeado, que consiste en barras, báculos e luminarias fluorescentes en desuso e bastante debilitadas, porque se atopan en mal estado e resultan pouco produtivas. Cambiaranse por novas instalacións e luminarias adaptadas”.

Javier Castiñeira explicou que “era un requirimento dos propios veciños das parroquias que teñen un alumeado deficiente e tamén era unha suxestión da auditoría enerxética na que promovía ao Concello a substituír este tipo de lámpadas, as fluorescentes, que dan un mal rendemento lumínico e encima están bastante deterioradas. Nese afán de tratar de ir cumprindo eses requisitos que nos pide a auditoría enerxética un dos nosos obxectivos é aproveitar precisamente as subvencións da Deputación, que neste caso financia a metade do custo das obras e a outra metade corre a cargo do propio Concello. Estamos a falar de cerca de 20.000 euros e adxudicouse a Otelec, unha empresa local de Foz, que en vindeiras datas fará esa substitución, que era unha reclamación dos veciños destas parroquias”.