15.04.2013

Portos de Galicia adxudicou o dragado da canle de acceso ao porto de Foz á empresa mariñana Marcor Xove SL.

Anunciouno hoxe o alcalde focense, quen explicou que a obra se fará nesta primavera durante un prazo de 2 meses.

Imprimir
Foz, 15 de abril de 2013.- O ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, adxudicou en cerca de 284.000 euros o dragado da canle de acceso ao porto de Foz á empresa mariñana Marcor Xove SL. Anunciouno hoxe o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen explicou que o prazo de execución é de dous meses e que a obra farase durante esta primavera.

O rexedor municipal manifestou esta tarde que é unha “moi boa noticia para o concello de Foz, porque o compromiso de Portos de Galicia co noso municipio é adxudicar obras e neste caso trátase do tan esperado dragado. Cerca de 284.000 euros de inversión que foi adxudicada a unha empresa da Mariña, Marcor Xove SL, e estamos contentos porque nesta primavera se fará o dragado, durante 2 meses de duración aproximadamente e esperemos que no verán estea xa rematada”.

A todos aqueles que falaron sempre negativamente dos compromisos da Xunta de Galicia con Foz aí está unha das obras maiores que adxudica Portos de Galicia neste ano de crise”, manifestou Castiñeira, quen tamén lembrou que “en 16 anos o anterior goberno municipal non foi capaz de dragar nin un só gramo de area da ría de Foz e agora xa van ser dous: un de forma urxente hai ano e medio e agora o dragado máis importante que afecta á canle de acceso ao porto”.

O alcalde comentou ademais que “o sector marítimo pesqueiro de Foz, a confraría de pescadores e o club náutico, tamén deben estar de noraboa” e amosouse esperanzado en que “o contrato estea firmado o antes posible para que comece a obra e neses dous meses que ten de prazo esta empresa faga as labores de dragaxe que ten encomendadas”.

Alegrámonos de que a Xunta de Galicia cumpra os compromisos con Foz”, rematou Javier Castiñeira.