19.01.2013

O PPdeG incorporará 20 militantes de base de toda Galicia na Xunta Directiva, a proposta do presidente autonómico

Os Estatutos do partido recollerán como novidade a importancia do papel das tecnoloxías 2.0 para a interacción coa sociedade

A nova normativa do partido eximirá do pago da cota de afiliado a aquelas persoas desempregadas e/ou en risco de exclusión social e aos menores de 25 anos sen ingresos, en función da súa situación económica familiar

Imprimir
O Partido Popular de Galicia incorporará 20 militantes de base de toda Galicia na Xunta Directiva autonómica, a proposta do presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.
Así, tal e como pedían tamén os afiliados nunha emenda á ponencia de Estatutos e regulamento dun partido que cambia contigo, o partido incorporará esta novidade nun dos seus principais órganos internos.
Así mesmo, aceptouse unha emenda do secretario de Organización do PPdeG, Alejandro Gómez Alonso, para dar peso ao galeguismo que defendeu sempre Manuel Fraga:
“O apartado dos principios inspiradores da atuación do PPdeG refórzase co galeguismo. Este galeguismo inspirarase na concepción que o Presidente Fraga tiña del, é dicir un galeguismo cordial, integrador e non excluínte”.
Por outra banda, cómpre destacar que os Estatutos do partido recolle como novidade o importante papel das tecnoloxías 2.0 para conseguir unha eficaz interacción coa sociedade, algo co que están de acordo os afiliados se ben nunha emenda expresaron a necesidade de seguir empregando as canles de comunicación tradicionais.
No que atinxe ás novas tecnoloxías, os afiliados pediron tamén nunha emenda, que tamén foi aprobada, que os Estatutos establezan que nos perfís das redes sociais da formación se empreguen ambas linguas cooficiais.
Así mesmo, tamén se aceptou a emenda a sobre as Comisións Sectoriais na que os afiliados pedían engadir que “o PP terá en conta os traballos das Comisións para os seus diferentes programas electorais”.
No relativo á novidade que incorpora a ponencia para os Estatutos acerca da exención da cota de afiliado por causa de desemprego e/ou situación de risco social, rexistrouxe tamén e aceptouse unha emenda na que se pide que se acredite documentalmente ante o partido a situación de exclusión social para a exención da cota.
Con respecto a este punto, tamén se aceptou unha emenda de Novas Xeracións para eximir do pago de cotas aos estudantes menores de 25 anos, sen fonte de ingresos, en función da súa situación económica familiar.