29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

09.05.2017

O alcalde de Foz anuncia que se incrementará o servizo de socorrismo nas praias, teñan bandeira azul ou non.

Estará operativo dende o 15 de xuño ao 15 de setembro.

Recomendar Imprimir Atrás

2.9/5 [73 Voto/s]

Foz, 9 de maio de 2017.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, non ve motivo para a retirada da bandeira azul á praia de A Rapadoira. Anuncia que o Concello incrementará os servizos nos areais teñan ou non ese galardón e pon como exemplo que socorrismo estará operativo dende o 15 de xuño ao 15 de setembro.

Javier Castiñeira declarou hoxe: “dende o Concello de Foz, dado que saíron publicadas xa as bandeiras azuis para o ano 2017, valoramos estas catro que nos foron concedidas dunha forma moi prudente, como sempre se fixo. Pero a verdade é que nos sorprende que entre as praias que foron designadas, quen son Llas, Peizás, Pampillosa e Polas, non estea A Rapadoira. Non temos ningún tipo de motivo nin de escusa polo que nos digan que A Rapadoira non ten esa bandeira azul. Hai que lembrar que é a única praia da Mariña que a ten desde que existe ese galardón. Tomámolo de forma prudente porque pode ser algún erro ou se hai algún motivo loxicamente aceptarémolo coa deportividade que nos caracteriza pero tamén tendo en conta que non deixa de ser un galardón”.

Castiñeira asegura que “as praias do noso concello, que é o máis galardoado da provincia, van ter a mesma cobertura teñan bandeira azul o non. A aposta este ano é incrementar aínda máis o servizo de socorrismo a tres meses. Estes últimos anos estaba dous meses, xullo e agosto. Pero a intención do Concello é iniciar o servizo de socorrismo desde o 15 de xuño e rematar o 15 de setembro. Polo tanto, máis implicación e tomar as bandeiras azuis de forma moi prudente”.

O rexedor focego anuncia que “incluso se abre o debate de se son necesarios ou non estes galardóns posto que estamos a ver que moitas praias que están perfectamente limpas e coidadas, que teñen unhas augas estupendas, son moi seguras e teñen todos os servizos non reciben ese galardón; e outras que son moito peores téñeno. Analizaremos estes días tanto por parte do equipo de goberno como con outros entes diferentes que poidan estar afectados se interesa subir as bandeiras azuis ou seguir unha liña parecida á que fan ou fixeron outros concellos que teñen unhas praias estupendas, como pode ser o concello de Barreiros, que este ano non tiveron ningún galardón. Pero estou seguro de que as praias de Barreiros seguirán sendo estupendísimas, igual de seguras, e o Concello de Barreiros seguirá tendo a mesma idea de ter unhas praias que sexan un reclamo para a costa de Lugo. Aberto ese debate eu desde logo tomo este asunto con moitísima prudencia posto que me faltan datos, sobre todo dos motivos polos que A Rapadoira non aparece nesa lista. Non obstante ao ser o concello que máis bandeiras azuis ten da provincia de Lugo tampouco repercute en demasía. Son catro, pero en Foz temos oito praias que son todas perfectamente boas para bañarse e divertirse e para min merecen o mesmo respecto unhas que as outras, teñan bandeira azul ou non”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz