29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

25.07.2017

A dirección de Frutas Morriña minte

A dirección de Frutas Morriña minte sobre a súa ida do concello de Foz e de falta de apoio do goberno local.

Recomendar Imprimir Atrás

2.8/5 [259 Voto/s]

Dende o primeiro minuto de que ocorrera o desgraciado incendio eu estiven ao seu lado e sirva como anécdota que fun o primeiro que lles falou da alternativa da nave de Pescados Rubén, en Burela, para que puideran proseguir coa actividade provisionalmente, como así acabaron facendo. Ao día seguinte presenteime co señor Balseiro, delegado da Xunta, para ofrecer a nosa colaboración e asesoramento, dada a gravidade do incendio que colapsou as instalacións.

Houbo ademais varias reunións cos técnicos municipais e o secretario do Concello, unha vez que se nos informou por parte dos seus técnicos de que desexaban volver a levantar a nave,  e eles transmitíronlles a imposibilidade legal de reconstruíla posto está en solo rústico e a lei autonómica non o permite, nin en casos de este tipo, por moi inxusto que nos pareza a todos. No seu día, cando construíron a nave en solo rústico e non en solo industrial, asumiron ese risco e desgraciadamente pasou o que nunca pensaron que ía ocorrer, que foi que un incendio destruíu a nave.

Insisto: os técnicos non ven posibilidade algunha coas normas urbanísticas actuais e recoméndaselles neses días ou buscar outra finca no polígono industrial de Foz ou en calquera outro sitio ou esperar á aprobación do novo plan urbanístico, que si lles é favorable. Esa era a alternativa máis viable, pois aprobado o Plan Xeral poderían ter licenza posto que aí si o permite xa que o solo esta proposto como industrial, pero deben esperar á aprobación definitiva. Iso é o que sempre se lles dixo.

Frutas Morriña, unha vez escoitada a decisión dos técnicos, quixo levar a decisión ao lado político e que se tomara ás costas dos técnicos municipais, pero o que sempre se lles deixou moi claro que nunca se tomaría unha decisión contraria á opinión do arquitecto municipal e do secretario do Concello, porque sería un caso grave de prevaricación.
Non contentos solicitaron a miña intermediación para falar coa secretaria xeral de Urbanismo para ver algunha alternativa, reunión que se produciu o mesmo día que a secretaria xeral veu visitar as obras da Avenida da Mariña e que, tal e como se lles comentara no seu momento, foi exactamente a mesma contestación que a dos técnicos municipais de Foz: en solo rústico non pode reconstruírse a nave porque o impide a lei autonómica e deben esperar á aprobación do PXOM ou buscar outro solar. As mesmas explicacións legais que novamente non convencían aos interesados. Son coñecedores, porque llelo dixemos os técnicos e máis eu, de que existen solares no polígono de Foz ao mesmo prezo que compraron en Barreiros; e decidiron facelo alí, algo que respectamos, como non pode ser doutro xeito.

O que non admitimos é a mentira e a vinganza daqueles que, moi mal asesorados, pretende desviar a lexislación urbanística e pedirlle ao alcalde que lles outorgue unha licenza totalmente ilegal, o que, por outro lado, fraco favor lles faría posto que aínda que o alcalde dese as costas aos técnicos municipais sería un documento que non tería validez algunha, posto que as licencias son actos regrados nos  que o alcalde non pode influír. E proba diso é que cando se puido dar a licenza de demolición outorgóuselles perfectamente porque era compatible; e cando pediron o informe definitivo, tamén do técnico, corrobora o que digo neste articulo. Entregóuselles o máis rápido posible para que puidesen comprar unha nova finca onde o desexaran. E ese informe, que adxuntamos, constata que Frutas Morriña acusa inxustamente ao alcalde e actúa con moi mala intención sen motivo algún. E novamente, desta vez por escrito, o arquitecto municipal infórmalles que non é posible a reconstrución en solo rústico. Aínda así días despois no seu artigo seguen acusando ao alcalde de ser o culpable de que non podan volver a facer a nave no mesmo solar.

¿Que é o que está levando a Frutas Morriña a difamar contra o alcalde? Non o sabemos e sorpréndenos a actitude pouco demócrata e respectuosa coa legalidade de Frutas Morriña; e pouco respectuosa co alcalde e co pobo de Foz, que sempre os tratou moi ben e que neste caso se veu traizoado, non sabemos por que motivo.

Polo tanto pedimos a Frutas Morriña que se desculpe co alcalde e co pobo de Foz, porque os motivos de irse deste municipio non son precisamente a falta de axuda do goberno local.

Javier Jorge Castiñeira (alcalde de Foz)
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz