29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

23.05.2017

O alcalde de Foz convoca aos veciños este venres a unha reunión informativa sobre as obras na avenida da Mariña.

Recomendar Imprimir Atrás

3.1/5 [191 Voto/s]

Foz, 23 de maio de 2017.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que este venres, día 26, terá lugar unha reunión informativa para todos os veciños e sobre todo para os afectados polas obras na avenida da Mariña. A xuntanza terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura e nela estarán presentes o propio rexedor municipal, representantes da Policía Local e da empresa que executa a obra e responsables da dirección do proxecto.

O alcalde de Foz quere “informar a todos os veciños do noso concello, e especialmente a todos aqueles que se poidan ver afectados polo comezo das obras da avenida da Mariña, que este venres ás oito da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Foz vai haber unha reunión onde participarán, ademais do alcalde, as persoas que levan a dirección de obra deste proxecto (proxectistas, técnicos e aparelladores), pero tamén representantes da empresa Ogmios, que é a que leva esta obra, e da Policía Local”.

Javier Castiñeira manifesta que “entre todos trataremos de explicar cal é o obxectivo desta obra, cales son os cambios fundamentalmente estéticos e funcionais na avenida da Mariña, pero, sobre todo, unha vez que temos xa a empresa contratista, o funcionamento que imos levar durante estes meses”.

O rexedor focense salienta que “son dúas obras moi importantes, tanto a da avenida da Mariña como a da rúa Álvaro Cunqueiro. Dúas obras en rúas troncais para as que se necesita unha coordinación, polo que as dúas non se poden executar ao mesmo tempo e que hai que ir avanzando”.

Castiñeira engadiu: “sabemos que o verán é unha época complexa para as obras, pero é certo que todo o que poidamos adiantar nesta obra irá tamén en beneficio de que se poida iniciar o antes posible, xa tamén neste ano, a obra na rúa Álvaro Cunqueiro”.

O alcalde focego subliña que “a idea é que as dúas rúas leven un acabado moi similar. Será un cambio fundamental para a estrutura urbana do noso concello que a día de hoxe non tiña unha zona deste tipo”.

O rexedor fai fincapé en que “as obras poden causar molestias, pero tamén sabemos que a medio prazo isto é unha obra fundamental da que todos os veciños de Foz, os comerciantes e residentes, estaremos moi orgullosos dela. Era moi demandada historicamente no noso concello e  todos os partidos políticos e toda a corporación vémola correcta; e, desde logo, vai ser unha obra da que poidamos presumir os veciños e comerciantes nos próximos anos”.

Javier Castiñeira pide “paciencia durante as obras. A empresa ten unha vontade moi grande de tratar de compatibilizalas co verán e coa actividade económica dos establecementos e, por suposto, tamén dos veciños afectados. É unha empresa coa garantía de ter feito obras importantes en cidades con moito máis tráfico que a avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro. Con esa tranquilidade queremos transmitirllo a todos os veciños en aras de seguir profundando na maior información. Levamos varios meses informando sobre estas obras nos medios de comunicación, pero creo que o momento importante e culminante será este venres ás oito da tarde, acto para o que quedan citados todos os veciños e aquelas persoas que queiran informarse sobre cal é o estado das obras na avenida da Mariña e o que van ser as obras na rúa Álvaro Cunqueiro”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz