12 de Decembro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

10.05.2017

O alcalde de Foz explica que a non concesión da bandeira azul para as praias de A Rapadoira e Areoura é por un cambio de criterio de ADEAC.

Ao rexedor sorpréndenlle cada vez máis os argumentos da asociación que concede estes galardóns

Recomendar Imprimir Atrás

3.4/5 [20 Voto/s]

Foz, 10 de maio de 2017.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, explicou hoxe que a non concesión da bandeira azul para as praias de A Rapadoira e Areoura este ano é por un cambio de criterio de ADEAC. Ao rexedor municipal sorpréndenlle cada vez máis os argumentos da asociación que concede estes galardóns.

“O equipo de goberno do Concello de Foz quere deixar claro cales son os motivos polos que as praias de A Rapadoira e Areroura e o paseo A Rapadoira-Llas non teñen bandeiras azuis este ano. Recibimos as explicacións por parte de ADEAC, que é o organismo que concede estes galardóns, e non nos deixan máis que dúbidas. As praias da Areoura e A Rapadoira non deixan de ter bandeira azul porque se empeoraran as circunstancias que tíñamos o ano pasado senón simplemente porque este ano deciden que ter nas proximidades unha depuradora non é compatible cunha praia de bandeira azul; é o que deducimos da resposta que nos acaban de dar. Polo tanto seguimos coa nosa perplexidade porque durante 29 anos A Rapadoira tivo bandeira azul e ninguén puxo estes problemas e agora, dun ano para outro, parece ser que é un condicionante fundamental”
, manifestou o rexedor.

Javier Castiñeira engadiu: “é certo que este grupo de goberno leva moitos anos dicindo que a existencia dunha depuradora na zona portuaria non lle axuda para nada á praia da Rapadoira e isto ven darnos a razón, pero non quere dicir que esteamos de acordo cos criterios de ADEAC”.

E en canto ao paseo Rapadoira-Llas as explicacións da asociación ADEAC “tamén nos sorprenden pois non ten este ano o galardón porque, segundo nos din, hai unha deficitaria conservación na zona entre Peizás e Pampillosa, pero non sabemos porque fan mención a eses lugares, xa que non están no paseo da Rapadoira a Llas. E, por outro lado, falan da proliferación dunha especie invasora que eles chaman uña de gato e que está por toda a costa de Galicia. Tamén fan alusión a que se perde o galardón en Areoura e A Rapadoira, o que tampouco ten nada que ver co paseo. Por tanto cada vez nos sorprendemos máis e facemos públicas as contestacións de ADEAC para que xulguen os veciños. O que queremos é evitar debates ou conxecturas que non teñen razón de ser”, comentou o alcalde focense.

Ademais Castiñeira garante que “a praia da Rapadoira ten exactamente os mesmos servizos e garantías de seguridade, de limpeza e de coidado que tiña antes; vainos seguir tendo igual e os resultados, que tamén facemos públicos, dos nove controis sanitarios que se fixeron das augas dan todos excelente tanto na Areoura como na Rapadoira”.

Por todo isto o rexedor municipal de Foz considera que esta situación “cada vez é máis incomprensible e fainos manter as dúbidas respecto a estes galardóns”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz