23 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

09.03.2017

A biblioteca municipal de Foz anuncia a celebración en Viveiro e Ribadeo de cursos preparatorios para as probas Celga 2017.

Recomendar Imprimir Atrás

2.8/5 [9 Voto/s]

Foz, 9 de marzo de 2017.- A biblioteca pública municipal de Foz anuncia a celebración en Viveiro e Ribadeo de cursos preparatorios para as probas Celga 2017.

A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, explica que “haberá trinta cursos presenciais en 29 localidades diferentes para os niveis 2, 3 e 4 e dous cursos en liña para o nivel Celga 1. Os prazos de presentación de solicitudes rematan o 28 de marzo para a formación presencial e o 23 de marzo para a teleformación. As probas de acreditación do Celga serán para o mes de xuño. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou onte, día 8 de marzo, no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega para persoas adultas preparatorios para as probas Celga 2017. Aos cursos presenciais para os niveis Celga 2, 3 e 4, que viñan sendo habituais nas últimas convocatorias, súmanse desta volta dous cursos en liña preparatorios para o Celga 1 pensados para persoas que teñen un coñecemento elemental da lingua propia de Galicia”.

María Jesús Álvarez engadiu que “tanto a convocatoria como os formularios de solicitude dos cursos presenciais están a disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e no Portal da Lingua Galega (http://www.lingua.gal). Neste último portal poden atoparse tamén a convocatoria e o modelo de solicitude dos cursos en liña. Os cursos preparatorios do Celga están dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega. Haberá 6 cursos preparatorios para o Celga 2, que se desenvolverán en Noia, Ordes, Sarria, Xinzo de Limia e Valga. Para o Celga 3 e o Celga 4 ofrécense 12 cursos en cada caso. Os do Celga 3 celebraranse en Cee, A Coruña, Culleredo, Melide, Pontedeume, Monforte, Vilalba, Viveiro, O Barco de Valdeorras, Cambados, Moaña e Tui. Os do Celga 4 terán lugar na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Os cursos preparatorios do Celga 1, ao desenvolverse en modalidade de teleformación, poderán realizarse desde calquera punto de Galicia ou mesmo de fóra da nosa comunidade”.

Para rematar a bibliotecaria municipal de Foz comentou que na nosa comarca haberá os seguintes:
             
VIVEIRO CELGA 3
Código: CL320172706601
Lugar: IES María Sarmiento
Rúa Misericordia, 58
Datas: do 18.4.2017 ao 9.6.2017
Horario: das 19.00 ás 21.00 h.
Días: de luns a xoves
Venres: das 18.00 ás 20.00 h
 
RIBADEO CELGA 4
Código: CL420172705101
Lugar: IES de Ribadeo
Rúa Xardín, s/n
Datas: do 18.4.2017 ao 8.6.2017
Horario: das 18.30 ás 21.00 h.
Días: de luns a xoves

Para máis información: www.lingua.gal ou na Biblioteca Pública Municipal de Foz, a través do teléfono 982.140.645 e do correo electrónico biblioteca@concellodefoz.es.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz