23 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

14.12.2016

O dragado da dársena de Foz en 2017 reclámano conxuntamente o Concello, a confraría de pescadores, o Club Náutico e a asociación A Ribeira.

Recomendar Imprimir Atrás

2.9/5 [34 Voto/s]

Foz, 14 de decembro de 2016.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e os presidentes da confraría de pescadores, José Juan Lestegás; do Club Náutico, Luis Fernández, e da asociación A Ribeira, Alberto Burundarena, compareceron xuntos esta tarde para reclamar á Xunta de Galicia o dragado da dársena do porto focense no vindeiro ano 2017.

O rexedor municipal explicou que “no borrador de orzamento de Portos de Galicia para 2017 o investimento que hai previsto para o dragado é de 50.000 euros, polo que en principio pensei que era un erro pero despois comprobei que era a cantidade certa. Ante esta circunstancia púxenme en contacto co delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, e soliciteille unha reunión urxente para avaliar esta situación e aos 2 días, concretamente o pasado venres, recibiume xunto co director de Portos e co representante na Mariña da Consellería de Pesca. Quixen saber como está o expediente administrativo, posto que sabemos que é longo, con multitude de informes, pero está moi avanzado”.

Javier Castiñeira engadiu que “é verdade que nos orzamentos tanto da Xunta como de calquera outra administración as posibilidades de financiamento de calquera proxecto poden estar dentro de partidas nominativas ou xenéricas e incluso poden facerse ao longo do ano modificacións de crédito para cambiar fondos dunha partida a outra. No que a este asunto se refire sabemos que este é o expediente de dragado de dársena máis avanzado a día de hoxe en Portos de Galicia; a tramitación está resolta nun 80 ou 90 por cento, quedando pendentes o informe definitivo de Costas sobre o último punto de vertido proposto, o da Consellería de Medio Ambiente e o da Capitanía de Burela. A partir de aí, no caso de que estes informes sexan favorables, entendemos que se podería desenvolver a licitación deste proxecto, que está cuantificado en arredor de 470.000 euros e ademais do dragado da dársena inclúe tamén a dotación duns 40 amarres novos na mesma dársena. Polo tanto está moi avanzado”.

Ademais o alcalde salientou: “o que nosoutros queremos e o que nos une aquí é ter unha voz única que vele para que o dragado da dársena se faga na próxima anualidade e o antes posible. Queremos que se axilicen os poucos trámites que quedan, que se inicie a licitación canto antes e, a poder ser, que se drague a dársena de Foz antes dos meses de verán, porque nesa época suporía unha incomodidade para a poboación; e por iso non son boas datas os meses de xullo e agosto. Pero queremos que se faga neste ano porque hai unha situación insostible nesta dársena, que leva máis de 30 anos sen dragar, está totalmente colmatada ata o punto de que agora mesmo está a unha cota superior que a da canle, chegando a darse a circunstancia nalgún momento de que a auga en vez de correr para dentro da dársena faino cara á canle. Polo tanto hai máxima firmeza dos catro colectivos que estamos aquí representados para que se acometa esta obra e que por parte do goberno da Xunta de Galicia se modifiquen eses orzamentos. Hai moitas posibilidades porque o delegado da Xunta e o propio presidente autonómico, con quen estiven reunido hai unhas horas, confirmaron que hai posibilidades de financiamento para esta obra, ben sexa cunha emenda aos orzamentos ou con modificacións de crédito”.

Castiñeira destacou tamén se cumpre todo para que os informes que faltan sexan positivos, “aínda que loxicamente respectamos a opinión dos técnicos cremos que en poucos meses se poden elaborar eses informes que quedan e que se debería licitar a obra no primeiro trimestre do ano próximo. Teríamos outros tres ou catro meses para a contratación definitiva e poder facela antes do verán, pois non é unha obra que precise demasiado tempo, xa que é posible que en tres ou catro semanas pode facerse”.

A continuación o patrón maior da confraría de pescadores manifestou que está completamente de acordo coas declaracións do alcalde e comentou: “estamos nunha situación insostible porque non temos auga en practicamente ningún punto da dársena e case non podemos nin manobrar cando saímos para o mar e polo tanto estou de acordo en que canto antes se poida facer este dragado mellor para todos”.

Seguidamente o presidente do Club Náutico recordou que “vimos reivindicando o dragado desde hai moitos anos e tamén se fagan instalacións de amarre, pantaláns, etcétera”. Ademais manifestou que “a raíz da reunión que tivemos co alcalde o venres pasado pasoume o susto que levei cando lin no xornal o programa de orzamentos da Xunta de Galicia. O alcalde neste momento ten a plena confianza por parte do Club Náutico, debido á xestión que está realizando, poñemos nos seus ombreiros toda a responsabilidade neste sentido e confiamos en que efectivamente sexa o vindeiro ano cando se faga este dragado tan demandado, independentemente que desde o Club Náutico solicitamos tamén outras actuacións como a instalación de pantaláns e o dragado da dársena de Portochico desde hai moitos anos. Agradecerlle ao alcalde a súa preocupación, a súa sinceridade e o seu compromiso. Tennos á súa disposición para o bo fin deste proxecto”.

O presidente da asociación A Ribeira explicou que “este colectivo naceu precisamente co propósito de mellorar as condicións das dársenas portuarias de Foz e de fomentar o turismo náutico da nosa vila. Agradecemos moito estas explicacións do noso alcalde, que víñamos demandando porque nós tamén confiábamos en que se fixera o dragado este ano. Estamos satisfeito coas explicacións e con que tome a iniciativa neste tema que nos preocupa. Foz é un destino turístico e debemos fomentar como principal oferta a náutica recreativa, porque a maior parte dos habitantes de Foz viven do sector servizos. Temos mar e ría e temos que aproveitalo ao máximo”.

O alcalde agradeceu “a confianza das tres asociacións que representan ao mundo do mar, ao que está intimamente vinculado o noso concello” e engadiu: “teño que pedir desculpas porque quizás fun o que máis expectativas tiña de que o dragado se fixera durante este ano 2016. O obxectivo do presidente de Portos de Galicia era que se licitara durante este exercicio, pero é verdade que a contía que había inicialmente non chegaba. Nun puido facerse na primavera porque se alongaron os permisos, pero é obvio que eu dixen que se ía dragar este ano e non se cumpriu. Polo tanto pido desculpas. Pero no 2017 a Xunta de Galicia incrementa os seus orzamentos dunha forma importante non podemos entender que non haxa financiamento e polo tanto pedimos que se resolva inmediatamente este problema”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz