17 de Agosto de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

30.11.2016

O Mercado de Nadal, unha carreira o día de Noiteboa e a Cabalgata de Reis, na que este ano se estrearán carrozas, son algunhas das principais actividades programadas polo Concello de Foz para o Nadal.

Tamén haberá concertos, proxeccións de cine e representacións teatrais.

Recomendar Imprimir Atrás

3.3/5 [12 Voto/s]

Foz, 30 de novembro de 2016.- A programación do Nadal do Concello de Foz, que foi presentada esta mañá, ofrece varias novidades, como unha carreira o día de Noiteboa ou o estreo das carrozas na Cabalgata de Reis. Tamén haberá concertos, proxeccións de cine, representacións teatrais e Mercado de Nadal, entre outas actividades. Dentro desta programación mañá, xoves, día 1 de decembro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura proxectarase a película Teito e Comida. O prezo da entrada é de 3 euros.

Na presentación, que correu a cargo do alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e a concelleira de Cultura, Silvia Blach Cuesta, o rexedor salientou que “a programación de cultura e de Nadal do Concello de Foz para estas datas é extensa e con diferentes novidades. Estamos moi satisfeitos porque practicamente a todos os días dende o 1 de decembro haberá algún tipo de actividade cultural”.

Javier Castiñeira subliñou que “combina diferentes actos, eventos culturais e musicais. Moitos xa son tradicionais no noso concello, como poden ser o concerto benéfico do Asilo, o concerto da Banda de Música e diferentes actos musicais e festivos por todo o concello; e outros son novos. A maior parte deles están dirixidos a todos os públicos, moitos para nenos pero tamén para maiores”.

O alcalde de Foz asegurou que “o obxectivo é o fomento do ambiente de Nadal, que eu creo que Foz xa é un referente na Mariña nese sentido: no respecto polas tradicións de Nadal e en dar unha alternativa de ocio aos rapaces nas vacacións en Foz, ademais de fomentar as compras no comercio local coa colaboración do Centro Comercial Aberto”.

O rexedor sinalou que “o Concello de Foz aposta este ano, unha vez máis, polo alumeado de Nadal, que se acenderá o día 5 de decembro, o vindeiro luns, e inclúe as rúas do centro urbano, unha árbore xigante no parque Martínez Otero e iluminacións noutras zonas do concello como a glorieta de Vilalba, a praza do Concello e diferentes parques urbanos. A verdade é que a aposta este ano polo alumeado de Nadal é intensa e eu creo que imos quedar contentos todos, porque ademais auméntase o número de días, pois este ano xa a partir do 5 de decembro teremos ambiente de Nadal no noso concello”

Javier Castiñeira engadiu que “o día de Noiteboa pola mañá farase a recepción a Papá Noel, que é un evento que lles gusta moito aos rapaces, dará un paseo na súa carroza polas rúas do concello e despois será recibido na Casa do Concello. Días antes na zona de Álvaro Cunqueiro e avenida da Mariña haberá diferentes elfos que estarán recollendo entre todos os rapaces todas aquelas cartas que desexen para levarllas a Papá Noel.  O día de Noiteboa tamén haberá unha novidade importante, como vai ser a carreira de Nadal que organiza Run Foz Run xunto co club de atletismo Ría de Foz, recentemente fundado, en colaboración do Concello. Ás catro e media haberá unha carreira que sairá dende o Campo da Cabana, fará un circuíto urbano e rematará tamén no Campo da Cabana. É unha novidade importante, deportiva, que faltaba dentro da programación de Nadal do Concello de Foz e así cubrimos unha falta que había de actos encamiñados ao deporte”.

O alcalde comentou ademais que “haberá diferentes concertos da Banda de Música, tamén actuacións musicais ao aire libre na zona da avenida da Mariña e Xoan Montes, e o concerto benéfico do Asilo. Tamén teremos o Mercado de Nadal, que se instalará na rúa Álvaro Cunqueiro dende o 19 ao 23 de decembro; e o acto central que é ben coñecido en Foz, a Cabalgata de Reis que será loxicamente o 5 de xaneiro en na que haberá bastantes novidades. A saída e a recepción no Concello é como todos os anos, igual que a chocolatada e a recepción dos Reis Magos no colexio número 1, pero este ano temos algunha novidade, como estrear as carrozas nas que irán os Reis Magos; e ademais, como gran novidade este ano, as carrozas irán acompañadas do tren de Nadal para que os nenos e nenas poidan gozar e participar directamente na Cabalgata de Reis”.

Para Castiñeira “esta programación é unha aposta importante, con moitos eventos que practicamente completan todos os días do mes de decembro e os de xaneiro ata o 6, que é o Día de Reis”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz