22 de Agosto de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

28.10.2016

A corporación de Foz aprobou, no pleno de onte xoves, unha rebaixa no recibo do IBI para 2017.

Ademais adoptáronse acordos para avanzar nos expedentes das obras da rúa Álvaro Cunqueiro e do novo xeriátrico.

Recomendar Imprimir Atrás

2.7/5 [23 Voto/s]

Foz, 28 de outubro de 2016.- O pleno da corporación municipal de Foz celebrado na tarde de onte aprobou unha rebaixa no recibo do imposto de bens inmobles (IBI) para o vindeiro ano. Nesta sesión tamén se adoptaron acordos para avanzar nos expedientes das obras da rúa Álvaro Cunqueiro e do novo xeriátrico.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, salientou hoxe que “desde o goberno de Foz queremos facer unha valoración moi positiva do que foi o pleno do día de onte porque se sacaron adiante todos os asuntos propostos por este goberno e moitos deles moi importantes. O máis destacado é que se consensuou coa maioría dos grupos da oposición unha rebaixa do IBI, ou  contribución, para o ano que vén. Facendo contas en xeral pode supoñer unha redución de entre un 8 e un 10 por cento aos recibos, posto que ademais de rebaixar o coeficiente do 0,60 ao 0,52 tamén haberá unha bonificación do 5 por cento para todos aqueles recibos que estean domiciliados”.

Javier Castiñeira explica que “estamos a falar dunha rebaixa importante de arredor de 180.000 euros que foi pactada con Foz Plataforma de Futuro e ao final o Partido Socialista tamén se sumou a ese pacto froito da boa relación que hai agora mesmo na corporación e das negociacións que se están levando a cabo. Como consecuencia disto o Concello para o ano que vén terá 180.000 euros menos con respecto ao 2016, que hai que ver de onde se van quitar, pero tamén é verdade que hai un compromiso cos grupos da oposición de cando elaboremos os orzamentos teñamos en conta estas circunstancias”.

O rexedor municipal de Foz remarca que “o Concello de Foz é un dos municipios da Mariña que máis baixa ten a contribución a pesar das subidas do valor catastral destes últimos anos. Con respecto a outros concellos de entidades parecidas de poboación e de extensión chega a haber unha diferenza de case un 50% máis nalgún concello veciño. Aínda sendo o recibo dos menores da Mariña para o ano que ven vai ser aínda un 8 por cento máis barato”.

Javier Castiñeira engade que “iso pode ter unha lectura boa para os veciños, pagar menos contribución, pero tamén ten unha lectura mala, pois ao final a disposición do Concello estamos a falar de 700.000 ou 800.000 euros menos nos orzamentos. Para ter mellores servizos ou para ter máis obras que outros concellos veciños, que tampouco non é a hora de nomealos, pero é moi fácil ir ao boletín oficial e ver os orzamentos dun pobo ou doutro e ver porqué teñen máis investimentos uns e outros, e iso non deixa de ser porque hai niveis impositivos máis altos”.

Ademais o alcalde asegura: “temos a auga e o servizo de recollida de lixo máis baratos da comarca e unha das contribucións máis baixas da comarca,  que aínda vai baixar para este ano próximo. Quero dar a coñecer este feito, pero en todo caso coa satisfacción por chegar a un acordo, algo que sempre é motivo para estar contentos; e desde o goberno quero dicirlle á xente que sempre hai vontade para negociar. Sempre é mellor un acordo normal que un non acordo, como pasaba na lexislatura anterior”.

Sobre o pleno de onte Castiñeira tamén explicou que “ademais, entre outros asuntos, aprobouse o prego de solicitude dun crédito de 605.000 euros para avanzar na contratación da obra de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro, que se fai coa Deputación e con fondos do Concello. En próximos días pediranse ofertas a diferentes entidades bancarias para tratar de iniciar a licitación o antes posible”.

O rexedor engadiu que “no expediente do xeriátrico tamén se fixo un avance importante posto que o pleno aceptou o convenio co Consorcio Galego de Benestar para que este ceda tanto as instalacións do xeriátrico como o equipamento ao Concello de Foz e tratemos o antes posible de dar unha solución durante catro anos aproximadamente á xestión municipal do novo xeriátrico. Houbo polo tanto avances nestes dous asuntos moi importantes e a principios de ano 2017 veranse os seus resultados”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz