29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

31.05.2016

BENDITO DEDAZO

Recomendar Imprimir Atrás

2.7/5 [49 Voto/s]

Acúsanme o Partido Socialista de Foz e a Plataforma no pleno de onte de dedazo e de chantaxe por tratar de buscar unha solución aos nosos avós e aos traballadores do asilo de anciáns de Foz. A verdade é que é un bendito dedazo cando tratas de defender o benestar dos teus veciños. Dende logo que teño a conciencia ben tranquila, primeiro por loitar para que a Xunta de Galicia investise aquí cerca de 2.300.000 euros para construír un xeriátrico. Teño a conciencia verdadeiramente tranquila, segundo, por tratar de evitar no día de onte que tanto os residentes como os 15 traballadores se foran á rúa. Estou verdadeiramente tranquilo de tratar de defender o traballo que está facendo a ONG Mensajeros de la Paz e o sacrificio que fixo durante estes últimos anos no noso concello. Chamarme chantaxista por garantir o benestar laboral e social dos meus veciños non deixa de ser un alago, sobre todo cando te acusa un partido como o PSOE, que dentro das súas siglas ten a S de socialista e a O de obreiro, e que chega o día do pleno e nin é socialista, posto que lle dan igual os intereses dos nosos maiores e o benestar dos avós actualmente residentes no asilo, e lle dan igual os intereses dos traballadores de Mensajeros de la Paz que levan alí varios anos exercendo. Co mesmo argumento a Plataforma e o PSOE, con acordos de whatsapp como acusamos no día de onte, denuncian intereses ocultos por parte deste alcalde a favor de Mensajeros de la Paz. Desde logo que nós non temos nada que ocultar; o único que buscamos é dar solución a un problema e que unha boa nova, como é ter unha nova residencia equipada cos últimos materiais do mercado, que non sexa un problema para unha serie de persoas, concretamente 35 residentes e 15 traballadores.

Non sei si pode haber algo máis mezquino que tratar ao alcalde de chantaxista e dedazo por parte duns que se autoproclaman progresistas e o único que fan no pleno, diante de todas estas persoas que alí estaban, é desbordar demagoxia e hipocrisía. Pero algo que é tamén moi grave é que mostran un absoluto descoñecemento do funcionamento do asilo de Foz, das dificultades polas que pasou nestes últimos anos. É posible que aqueles que votaron en contra da proposición do goberno, Partido Socialista e Plataforma, supoño que non estiveron nunca no asilo. Eses mesmos concelleiros que votaron en contra son os mesmos que non quixeron reunirse coa ONG Mensajeros de la Paz para visitar o asilo porque dubidan da obxectividade e das intencións do goberno, da Fundación e de Mensajeros de la Paz.

Estes socialistas e ex socialistas da corporación pensan que o seu compromiso co asilo de anciáns e soamente ir un día cerca do Nadal ao festival a favor do asilo e alí acompañar a traballadores e residentes, mentres que o resto do ano, cando verdadeiramente lles fai falta como era o día de onte, votan en contra.

A verdade é que me sinto tremendamente orgulloso de ser chantaxista e de dedazo dos dereitos sociais e laborais dos nosos veciños. Síntome orgulloso daqueles que votaron a favor: os compañeiros do grupo popular pero tamén os do BNG, deixando atrás o seu ideario político pois desde logo non é sospeitoso de que o ideario do Partido Popular sexa o mesmo ou parecido ao do BNG, pero ambos partidos o único que tratamos de facer é loitar polos intereses dos nosos avós e dos traballadores do asilo.

Polo tanto estou contento da nosa honestidade e de que as acusacións de chantaxe e de dedazo, que fan o Partido Socialista e a Plataforma, que sexan por estas cousas. De verdade que a miña honestidade nunca será posta en dúbida, sobre todo con decisións como a que tomamos onte.

Javier Jorge Castiñeira (alcalde de Foz).
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz