18 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

31.05.2016

O goberno local de Foz sacrifica o seu programa para atender as propostas dos 3 grupos da oposición no borrador de orzamento municipal para este ano.

Recomendar Imprimir Atrás

2.2/5 [24 Voto/s]

Foz, 31 de maio de 2016.- O goberno local de Foz sacrifica o seu programa para atender as propostas dos tres grupos da oposición no borrador de orzamento municipal para este ano 2016.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, explicou hoxe que “onte o grupo de goberno entregou aos portavoces da oposición o borrador definitivo do orzamento para este ano 2016. É un documento co que se trata de buscar o consenso atendendo á maior parte das proposicións de todos os grupos e facendo un reparto xusto, sobre todo de investimentos e doutras propostas de gasto que os diferentes grupos formularon nas roldas de negociacións e xuntas de portavoces que houbo para preparalo. O equipo de goberno sacrifica o seu programa en aras de acoller as propostas de investimentos e obras que fixeron os tres grupos: BNG, Partido Socialista e Plataforma”.

O rexedor municipal especificou que a proposta de orzamento municipal para este ano “contempla, entre outros, investimentos como as novas instalacións da protectora de animais; unha senda peonil en Cangas; beirarrúas en Forxán, na estrada xeral; aglomerados en Fazouro, na estrada da Pampillosa concretamente; aglomerados en Cordido e na zona de Mañente, en Vilaronte; obras tamén no centro social de Nois e nos vestiarios do campo de fútbol de Vilaronte; e ademais saneamentos necesarios nas parroquias de Santa Cilla e San Acisclo. Ou sexa, todas as parroquias teñen o seu investimento nominativo concreto, que van desde os 15.000 ata os 60.000 euros. Ademais é importante tamén outra petición da oposición, da que hai un acordo plenario, que é o aumento das horas na escola de música, o que supón ao redor de 15.000 euros para incrementar case nun 20 por cento as horas que se están dando a día de hoxe. Contempla tamén un plan de emprego, como o do ano pasado, o compromiso cos traballadores municipais da suba pactada da Relación de Postos de Traballo (RPT) e a devolución de parte da paga extra do ano 2012. Supón case 200.000 euros o compromiso cos traballadores do Concello. Auméntase tamén o número de asociacións culturais e deportivas que teñen subvención para este ano 2016 e ademais increméntase un servizo importante, como é o de atención turística na basílica de San Martiño, porque consideramos necesario melloralo”.

Javier Castiñeira engadiu que “a maiores contémplase unha partida importante, que é devolver 200.000 euros daquelas licencias de obra concedidas no ano 2007, pois o Concello ten que facelo por resolución xudicial. Estes 200.000 euros xa se gastaron no seu momento por aquel goberno e tócalle a este devolvelos, o que non deixa de ser unha inxustiza”.

O alcalde destacou que “o goberno municipal sacrifica o seu programa e os seus investimentos para contemplar as proposicións da oposición. Isto é froito da negociación e do bo talante que eu entendo que hai na corporación municipal. Polo tanto considero que son uns orzamentos que poden ser perfectamente aprobados por todos os grupos, posto que se contemplan a maior parte das súas propostas. Incluso tense en conta a solicitude do BNG de dar uso ao remanente de máis dun millón de euros; nese caso contémplase o pago das facturas pendentes de exercicios anteriores e medio millón de euros para diferentes investimentos, entre eles a primeira fase da reforma do pavillón polideportivo, que pediu o BNG”.

O rexedor anunciou que esta proposta de orzamento municipal “en poucos días presentarase ao comité de empresa do Concello e quizais xa nun par de semanas poida ir a pleno. O documento final propón un orzamento de gastos próximo aos 7 millóns de euros e contempla un superávit de ao redor de 400.000 euros nos ingresos, para poder cumprir con elo a regra de gasto que nos establece o servizo de Intervención. Son uns orzamentos sociais, que cumpren perfectamente coas necesidades do pobo e que atenden á maior parte das peticións que se fixeron durante estes últimos anos tanto por asociacións e colectivos como por parte dos grupos municipais en diferentes plenos, nos que se aprobou facer eses investimentos”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz