19 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

08.03.2016

A Semana Santa de San Martiño, en Foz, iniciará os seus actos o vindeiro día 19 e desenvolveranse ata o 27.

Recomendar Imprimir Atrás

3.2/5 [76 Voto/s]

Foz, 7 de marzo 2016.- Os actos da Semana Santa de San Martiño, de Foz, que se presentaron o pasado sábado, principiarán o próximo 19 deste mes. Ese día, Sábado de Paixón, ás oito menos cuarto da tarde, terá lugar no Centro Social do Caritel a recepción na honra das autoridades, confrades, convidados e veciños. Ás oito na Basílica de San Martiño dará lectura ao Pregón da Semana Santa Antonio Rodríguez Basanta, administrador da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. A continuación terá lugar a apertura dunha nova edición da Semana de Música Xosé Alonso a cargo do alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e seguidamente ofrecerá un concerto a Coral Polifónica de Foz. Nese acto farase entrega dos pergamiños de confrades de honra da Confraría do Desencravo a María Mónica Irimia Labrada, José Ramón Vila Otero e Ramón Sánchez Martínez. Posteriormente terá lugar a recepción dos novos confrades e clausurará o acto o párroco de San Martiño, Antonio Valín.

O día 20, Domingo de Ramos, á unha da tarde terá lugar a bendición de ramos e palmas na Praza da Basílica e seguidamente haberá procesión ata a basílica coa cruz da parroquia e as das capelas do Bispo Santo, O Carme e A Ermida, ademais de varias imaxes. Á unha e cuarto da tarde terá lugar a misa de Domingo de Ramos na basílica e despois ofrecerá un concerto a Coral Santiago Apóstol, de Vigo.

O día 23, Mércores Santo, ás sete da tarde na igrexa de San Xoán de Vilaronte terá lugar a celebración eucarística e ás sete e media celebrarase o Oficio de Tebras, recuperado na basílica de San Martiño no 2008 despois de máis de cincuenta anos sen desenvolverse. Este é o primeiro ano que se celebra o acto na igrexa de San Xoán de Vilaronte e trátase dun conxunto literario e musical paralitúrxico de gran beleza que remata co tocar das carracas. Esta é unha obra adaptada e traducida ao galego de Arximiro López Rivas, sacerdote coordinador da revista Lucensia, de Lugo, e a peza terá unha duración aproximada de dez minutos.

O día 24, Xoves Santo, ás cinco e media da tarde na basílica haberá misa da Cea do Señor e despois o Santísimo Sacramento será trasladado ata o monumento en procesión. San Martiño é unha das poucas parroquias que nesta cerimonia as varas do palio son portadas por homes e mulleres de forma paritaria.

O día 25, Venres Santo, ás doce da mañá na basílica terá lugar o solemne viacrucis polo interior do templo. Este calvario será teatralizado con textos do poeta local Saros e en cada estación será lida unha estrofa por alumnos da antiga escola do Caritel. Ás doce e media celebrarase o acto das Sete Palabras que concluirá co canto da Salve Mariñeira polo Coro Parroquial de Foz. Ás catro e media da tarde na liturxia do Venres Santo na basílica terá lugar o Acto do Desencravo, obra do confrade de honra, Luis García Calvo, e ás cinco e media da tarde polo barrio medieval do Caritel celebrarase a procesión do Santo Enterro coa participación da Banda de Música de Foz e o cantante de saetas Rubén Fernández.

O día 26, Sábado Santo, ás oito da tarde no adro e na basílica celebraranse os actos da liturxia coa bendición do lume e da auga e procesión das candeas; ás oito e media oficiarase a misa solemne e ás nove haberá concerto da Semana de Música Xosé Alonso a cargo de Felipe Sánchez e África Rodríguez, profesores da Escola de Música de Foz. E o domingo 27 na Misa de Pascua haberá un concerto a cargo do grupo Lucus Ensamble.

Todos estes actos están organizados pola Confraría do Desencravo e a Delegación de Cultura do Concello de Foz.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz