29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

11.12.2015

O alcalde de Foz chama aos veciños de Forxán á tranquilidade no asunto da depuradora

Javier Casiñeira invítaos a fixar unha data para visitar a estación de Ribadeo, moi semellante á futura EDAR focense e totalmente distinta á que hai actualmente no núcleo urbano.

Recomendar Imprimir Atrás

2.9/5 [121 Voto/s]

Foz, 11 de decembro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, envíalles aos veciños de Forxán unha mensaxe de tranquilidade no asunto da depuradora de augas residuais que se instalará nos límites deste barrio con Fazouro. Asegura o alcalde focense que os veciños da zona poden estar tranquilos e invítaos a fixar unha data para visitar a depuradora de Vilaselán (Ribadeo), moi semellante á que se instalará no municipio focense e totalmente distinta á que hai actualmente no núcleo urbano.

“Como alcalde de Foz quero enviarlles unha mensaxe aos veciños de Forxán de tranquilidade, normalidade e de total confianza co asunto da depuradora. Entendemos en Foz que coa experiencia vivida aquí coa nosa EDAR no núcleo urbano é moi fácil ter desconfianza, pero os grupos políticos e este goberno en concreto comprometémonos a mantelos informados ao máximo. Hai moito tempo para seguir participando na comisión de seguimento para este asunto. Prometemos que os veciños de Forxán van estar totalmente informados e polo tanto e, como primeira medida, invítoos a poñer data para visitar a depuradora de Ribadeo, que é  moi similar á que se vai localizar en Forxán”, manifestou o rexedor.

Castiñeira pon como exemplo “a experiencia da parroquia ribadense de Vilaselán, dunhas magnitudes máis ou menos similares e cunha situación con respecto á depuradora moi parecida. Ante estas dúbidas e as malas informacións que están xurdido dentro dunha campaña de desprestixio que está a levar unha persoa ou un grupo de persoas comandadas polo que nós chamamos o señor X, queremos facer tres reflexións. A primeira, ofrecer aos veciños desprazarse a Ribadeo e ver como funciona unha depuradora moderna, do mesmo tipo ou similar á que se vai instalar en Forxán, no límite con Fazouro, unha depuradora garantista medioambientalmente, contra as molestias aos veciños e sobre todo garantista cos resultados finais dos vertidos que se van facer. É moi similar á que se vai instalar no futuro en Forxán, distinta totalmente á actual depuradora que hai no núcleo urbano de Foz. A EDAR de Ribadeo está agora mesmo depurando todas as augas residuais do núcleo urbano e doutros núcleos próximos, en contra do que di algún representante veciñal de Forxán”.

Para Castiñeira, os veciños de Vilaselán son un exemplo a seguir xa que “conviven naturalmente con esta instalación, coñecen o seu funcionamento e recoñecen que calquera explotación agrogandeira produce máis molestias que a estación depuradora. Vilaselán é o exemplo a seguir e nesa visita imos poder falar cos veciños, ver e contrastar experiencias e ver o funcionamento normal desa depuradora”.

O alcalde saíu tamén en defensa dos representantes veciñais de Forxán: “se cadra son máis preparados no que é a depuración porque levan moitos anos loitando. A Asociación de Veciños de Forxán leva moitos anos coñecendo o funcionamento dunha depuradora, son moitos anos loitando para que a depuradora non se instalase nas proximidades das praias de Llas e Peizás, na zona costeira, e así o conseguiron. Poño o exemplo do Maseda, que era o representante no tema de depuración na asociación de Forxán, unha persoa sumamente preparada, que sabe cal vai ser a estación futura, que sabe que non vai ser unha estación similar á que hai hoxe en Foz. Foi grazas a el que se conseguiu que non se levara a depuradora á zona costeira e é un exemplo de movemento veciñal, que ademais está na Federación de Asociacións Veciñais da provincia de Lugo, está traballando arreo e debe ser un orgullo ter un representante nesta Federación. Ademais do tema de depuración esta persoa estase encargando de velar polos intereses de todos pacientes no Hospital da Costa, dos pacientes da Mariña. É unha persoa dedicada totalmente ao movemento veciñal e son completamente inxustas as acusacións que está facendo un certo número de xente que está dirixindo contra el acusacións complemente infundadas e sobre todo ilóxicas, porque o primeiro debe ser sempre informarse e visitar as instalacións, como fixeron eles no seu momento, os representantes veciñais de Forxán”.

Castiñeira asegura que “queda aí esa aposta, esa confianza máxima e lembrar que imos ter moito tempo para traballar xuntos e tratar de quitar estes complexos que creou o mal funcionamento da actual estación depuradora de Foz e a súa falta de capacidade, e para tratar de ver o que vai ser unha estación futura, moderna, proteccionista do medio ambiente e dos veciños e, sobre todo, do resultado final que se vai verter a 800 metros da costa de Forxán e de Fazouro”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz