18 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

20.10.2015

O alcalde de Foz asegura que o PSOE local está colapsado e abducido polos intereses de Xaime Cancio logo do comunicado dos socialistas sobre a localización da futura depuradora.

Recomendar Imprimir Atrás

3.2/5 [90 Voto/s]

Foz, 20 de outubro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, respondeu ás críticas vertidas polo grupo municipal socialista a respecto da proposta de localización da nova depuradora de augas residuais. O rexedor focense asegura que as valoracións socialistas teñen que ver con intereses partidarios e persoais de Xaime Cancio e que o PSOE local é un partido colapsado e abducido por Unifoz.

“Despois de ver a nota de prensa do Partido Socialista de Foz con respecto á depuradora e de analizar todo o que din, as conclusións que saca o goberno do Concello é que o PSOE de Foz está totalmente colapsado, que non existe e que está abducido por Unifoz. Os herdeiros do señor Besteiro seguen errando antepoñendo os intereses partidarios e mesmo persoais do señor Cancio e dos seus adláteres aos do Concello de Foz. É unha pena que o portavoz do Partido Socialista, o señor Ramalleira, ao cal teño en moito aprecio, non poda para nada impoñer o que el pensa e estea en minoría no grupo municipal socialista cos dous concelleiros de Unifoz e está en minoría seguramente tamén na directiva do Partido Socialista. Proba é que este señor non fai as notas de prensa, está claro que as está facendo unha persoa allea á corporación, porque está dicindo cousas que non se reflectiron para nada na reunión da Xunta de Portavoces”

Castiñeira asegura que na xuntanza dos portavoces municipal para tratar a ubicación da nova depuradora “houbo un moi bo ambiente, atendéronse todas as motivacións que se lle deron aos portavoces, faláronse cousas que agora dan por non entendidas e proba diso é que falan de que a depuradora, na nova localización, está situada en solo rústico de protección agropecuaria e teñen dúbidas de se pode facerse aí. Son as mesmas dúbidas que deberían ter cando eles propuxeron Forxán, no medio das praias de Peizás e Llás, que estaba en solo de protección costeira, aínda máis grave. Non hai ningún impedimento urbanístico para que se pode facer neses lugares e polo tanto tampouco en rústico de protección agropecuaria. Son desculpas baratas do señor Cancio, que ten única e exclusivamente o obxectivo de seguir mantendo os problemas que hai na depuración de Foz e con iso cre que saca rendemento político. É un problema de personalidade do portavoz socialista na corporación municipal, o que vai afectar ao futuro do noso Concello”, manifestou o alcalde.

“Polo tanto, pídolle ao Partido Socialista que teña sensatez e que deixe traballar e avanzar. Quen debe resolver todos os problemas técnicos é Augas de Galicia, que é quen ten os medios, e para iso imos ter que darlle unha localización e a partir de aí facer un anteproxecto. Sobre ese anteproxecto aínda pode traballar a corporación, pode analizalo e mesmo botalo atrás, pero deixémoslles traballar; non impidan nin deixen enriba da mesa, como pretenden facer e están facendo en todos os asuntos importantes de Foz. Pídolles altura de miras e sei que vai ser difícil porque non ten agora mesmo o Partido Socialista xente con esa capacidade e quen segue tomando decisións son os herdeiros do señor Besteiro. E, ollo, porque este señor xa non só vai dirixir o grupo municipal de Foz, é moi probable que dirixa tamén as decisións do goberno da Deputación Provincial de Lugo con respecto ao noso concello. Ollo, porque isto pode ser moito máis perigoso”, advirte o rexedor.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz